Francisco Conde traslada o apoio do Goberno galego ao emprendemento

Francisco Conde e a candidata Susana López Abella, acompañados pola presidenta do partido en Lugo, Elena Candia, participaron esta mañá nun acto sobre o emprendemento feminino en Lugo. No transcurso do acto, Conde asegurou que “a Xunta está do lado dos emprendedores eliminando barreiras e garantindo unhas regras que permitan competir e cooperar, así como creando un clima competitivo que os impulse a mellorar a eficacia, a innovación, e os procesos”.

O cabeza de lista do PP na provincia avogou ademais polo impulso á creatividade e a imaxinación, de modo que ningunha boa idea empresarial quede sen apoio por falta de financiamento.

Entre as medidas adoptadas pola Xunta, o candidato do PP por Lugo referiuse á “aprobación hai preto de tres anos da Lei de emprendemento. Unha norma que suprimiu as licenzas municipais de obra e actividade para a apertura dun novo negocio, sentou as bases para a creación das Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM), que facilitan as tramitacións a levar a cabo ante a administración”.

A maiores, explicou Conde, “puxemos en marcha unha rede de aceleradoras de emprendemento e innovación para captar e canalizar o talento: Vía Galicia, xunto á Zona Franca; e Agrobiotech; con sede na cidade de Lugo, así como os espazos de coworking que estamos a poñer en marcha xunto á EOI, con sedes en Modoñedo e Monforte que abrirán este mesmo mes”.

A aposta polo emprendemento na provincia concrétase, segundo Conde, en “2.700 empresas apoiadas, o 99% delas pemes. E imos a máis, sumando este ano un investimento de 40 millóns de euros para apoiar as políticas activas de emprego, con máis de 24 millóns e euros a prol do fomento do emprego autónomo”.

Medidas específicas para mulleres

“As mulleres emprendedoras están a facer un uso importante de todos eses servizos. Desde a Unidade Galicia Emprende constatamos, por exemplo que o emprendemento feminino medra de xeito constante: máis do 42% das persoas atendidas, apoiadas e asesoradas pola UGE, desde a súa creación en 2014, foron mulleres”, subliñou Conde.

Entre as accións levadas a cabo polo Goberno galego Conde incidiu na posta en marcha da “Axenda 20 para o Emprego que contén entre as súas medidas a posta en marcha dun Plan de emprego en igualdade para apoiar ás mulleres na consecución do espazo que lles corresponde dentro do mercado laboral. Búscase favorecer tanto a súa inserción por conta allea como facilitando a iniciativa autónoma e emprendedora cando sexa esta a vía seleccionada para traballar. Equilibrar a súa participación en todos os sectores de actividade coa dos homes e fomentar o desenvolvemento da súa carreira profesional e procurar os medios posibles para evitar situacións nas que deban escoller entre a súa vida persoal e profesional”. Rematou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com