Non recordo inverno frío coma este, pero a culpa non é do inverno. Sempre fun sensible ao frío pero na actualidade síntoo máis por esixencia dun corpo que precisa manifestar o paso do tempo. Teño oído que hai potentados que, diante de síntomas similares, durante os nosos longos invernos trasladan a residencia a ambientes máis cálidos – as Illas Afortunadas, por exemplo- e volven por maio pasar o verán á que xa é terra de promisión por mor do cambio climático.
Agora que o tempo está esmiuzado de tal maneira que nos indican temperatura, choiva ou sol, neve ou néboa, non en pasado ou presente senón en futuro, que nos acertan con precisión milimétrica a temperatura coa que nos atoparemos mañá ao asomarnos ao exterior, os monstros enerxéticos atoparon xeito de facer o seu agosto no inverno, a costa dos nosos fríos.
Para que non me esqueza do terrible que o frío pode ser, Iberdrola quéntame a cabeza cada dous ou tres días pedíndome un diñeiro que, segundo contas similares ás do Gran Capitán, ven ser o prezo do meu frío, menor daquela que agora, que pretenden curarme a base de sustos económicos.
Para evitar atracos contra os que hai pouca defensa, aconsellan aforrar enerxía, montar paneis solares na terraza ou no tellado, prolongar contratos ou sufrir en silencio as súas accións. Por agora non adoptei ningunha destas solucións e presentei reclamación en Consumo, agardando resposta oficial para saber que facer.
O que me anima é pensar que levamos andada a metade do inverno, que virá un verán cálido no que o sol me vai animar, e que se tivese que pagar o abuso do xigante enerxético polo menos daquela non pasarei frío.