Funcionarios pola Normalización Lingüística promoven a campaña ‘Eu declaro en galego. É lóxico’

A Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística (AFNL) promove a campaña Eu declaro [a renda] en galego. É lóxico. Por dereito. Na mesma, e nun escenario de reivindicación do dereito recoñecido pola normativa a relacionarse coas administracións públicas na lingua propia, pretenden promover a utilización da lingua galega na presentación da declaración da renda do ano 2018 que comenzará o 2 de abril do presente ano e que rematará a principios do mes de xullo.

Este é un xesto sinxelo e inmediato pero, ao mesmo tempo, de elevada importancia. Por un lado, promóvese o exercicio dos dereitos que xa están recoñecidos nas diferentes normativas, e por outro, é unha mensaxe á Administración estatal para que corrixa a “inxusta” situación e a “marxinación da lingua galega” en organismos da súa dependencia. Hoxe en día, a pesares do recoñecemento normativo, existen aplicacións informáticas da Axencia Tributaria, Seguridade Social, Xustiza ou Tráfico que non ofrecen a opción do galego.

De feito, tal e como se publicitou nos últimos meses, o propio Defensor del Pueblo ten en curso unha investigación de oficio ante a Administración Tributaria pola reiterada inobservancia da cooficialidade lingüística. A este respecto, a citada institución ten manifestado que “a cooficialidade lingüística non é unha opción administrativa, senón unha suxeición para a Administración e non debe aceptarse a persistencia durante anos de situacións que amosen como o uso das linguas cooficiais non é normal, habitual, fluído e sen dificultades maiores. Trátase dunha cuestión que transcende o seu carácter cultural, merecedora ademais non soamente dun mero respecto e protección, senón dun “especial” respecto e protección”.

Mesmo indica que o uso das linguas cooficiais alcanza á dignidade das persoas. “A elección por parte destas dunha lingua cooficial ten relación directa cos seus dereitos fundamentais e co libre desenvolvemento da súa personalidade. Cuestión esta de importancia xa que son nada menos que fundamento da orde política e da paz social”.

En termos semellantes veñen de pronunciarse nos últimos anos organismos internacionais como a ONU, en particular a Oficina do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos, cando ao referirse aos dereitos lingüísticos establece que os mesmos son unha parte integrante dos dereitos humanos e como tales deben ser tratados.

En relación coa campaña, entre outras accións, ao longo destes tres meses difundiranse polas redes sociais imaxes de xente de todos os ámbitos da noso país apoiando explicitamente a referida campaña, remitiranse propostas de mocións para que diferentes concellos galegos fagan unha declaración en defensa da utilización da lingua galega diante das administracións públicas, solicitarase o apoio de diferentes colectivos…

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com