A Fundación TIC, dependente da Deputación, vén de poñer en marcha Camiña coas TIC, un novo programa destinado aos maiores da provincia que, neste caso, ten por obxectivo fomentar o uso das novas tecnoloxías como ferramenta para motivar a realización de exercicio físico.
O programa arrancou este mércores no Valadouro, cunha ruta na que os participantes estiveron acompañados polo Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, e o Alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda.
Alfredo Llano dixo que “Camiña coas TIC forma parte da nosa aposta por favorecer, a través das novas tecnoloxías, un envellecemento activo entre os maiores de 55 anos da nosa provincia. Dentro deste obxectivo, o exercicio físico é un dos elementos básicos para axudarnos a vivir un día a día máis saudable e aumentar progresivamente a calidade de vida das persoas de máis idade”.
En Camiña coas TIC os participantes usan aplicacións en dispositivos táctiles como poden ser o compás, o podómetro, o cardiógrafo, un contador de calorías, un recordatorio de beber auga, un botón de alerta e un buscador de rutas.
Tamén se empregan dispositivos cuantificadores para entender o seu funcionamento e os beneficios que aporta o propoñernos novos retos a cumprir cada día. O material será cedido polo equipo de Camiña coas TIC, ao igual que os dispositivos táctiles para aqueles que non os teñan.
Tralo Valadouro, Camiña coas TIC desprázase este xoves ás 16:00 horas a Friol. Continuará o 20 de febreiro, tamén ás catro da tarde, en Becerreá; o luns 23, ás 11:00 horas en Vilalba, e as 17:00 en Guitiriz; o martes 24 no Incio ás 10:30 horas; o 25 de febreiro ás 16:00 en Chantada e finalizará o xoves 26 en Lugo ás 11:00. Ese mesmo día terá lugar pola tarde un acto conxunto coa entrega de diplomas.
Cada obradoiro contará coa participación dun mínimo de 10 persoas maiores de cada zona, que serán guiadas por dous monitores. Toda a información relativa a Camiña coas TIC está na páxina www.fundaciontic.org.
Feb 18, 2015 - 10:02 PM
A Fundación TIC promove o exercicio físico dos maiores a través das novas tecnoloxías con ‘Camiña coas TIC’ -… http://t.co/YZuc2X7qyT