A Catedral de Lugo volveu reunir a centos de persoas de moi diferentes ámbitos da sociedade na derradeira cerimonia relixiosa, celebrada esta mañá a iniciativa do Bispado de Lugo, para despedir á alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos. Ao igual que a semana pasada, a asistencia ao templo foi masiva, nunha misa aberta á cidadanía, que serviu tamén para render homenaxe á que fora rexedora municipal durante o derradeiro ano.
Ao funeral na catedral acudiron centos de lucenses, pero tamén unha amplísima representación institucional, política, social e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. O delegado e a subdelegada do Goberno en Lugo, estiveron acompañados polo presidente da Deputación de Lugo, entidade que estivo representada tamén por varios deputados provinciais. A corporación municipal de Lugo tamén tivo unha amplísima representación cos compañeiros e compañeiras dos distintos grupos, entre eles, a do futuro alcalde da cidade, Miguel Fernández.
Alcaldes dunha ducia de municipios lucenses, pero tamén de fóra da provincia, como as e os da Coruña, Betanzos, Culleredo e Narón, asistiron á misa oficiada polo Bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco. Houbo ademais representantes da Federación Española de Municipios e Provincias; do Eixo Atlántico; da Fiscalía e da Audiencia Provincial de Lugo; da USC e da UNED; e de máis de dez colexios profesionais da cidade. A representación política tamén foi moi ampla, coa asistencia de senadores e deputados nacionais; deputados de Lugo e da Coruña, ademais de varios parlamentarios galegos. Tampouco faltaron os máximos mandos dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado da provincia, pero tamén do Arsenal Militar de Ferrol.