A futura Lei de Saúde de Galicia –cuxo anteproxecto está na actualidade publicado no Portal de Transparencia da Xunta– creará o distrito sanitario de Monforte de Lemos e consolidará o papel do hospital comarcal como centro de referencia do sur da provincia de Lugo.
Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, en rolda de prensa na que ratificou o compromiso do Goberno galego con este centro hospitalario e na que insistiu en que coa reforma do mapa sanitario “non se perde nin autonomía, nin capacidade de decisión, nin se recortan ningún servizo, senón todo o contrario”.
“Monforte será o marco de referencia para a dirección e coordinación de todos os centros de saúde (os de atención primaria), do propio hospital e da atención sociosanitaria”, explicou Balseiro que insistiu en que “se trata dunha reforma da estrutura administrativa que non altera, en ningún caso, nin o médico nin o hospital que hoxe teñen asignados os pacientes”.
O delegado territorial tamén quixo insistir en que a reforma da Lei de Saúde de Galicia lonxe de debilitar os hospitais comarcais permitirá seguir ampliando a oferta de recursos asistenciais, como xa aconteceu en Monforte co novo servizo de hospitalización a domicilio ou a sala de tratamentos de quimioterapia.
“Fronte a eses falsos augurios atopámonos coa realidade dos feitos. Feitos como que compartir unha mesma área sanitaria na provincia permitirá consolidar o modelo da actual Estrutura de Organización e Xestión Integrada (Eoxi), que é única na provincia, e que fixo posible que os facultativos do HULA se desprazasen ao hospital de Monforte de Lemos para dar novos apoios aos enfermos desta comarca”-explicou o delegado.
A pesares de dar un pulo á zona sur de Lugo, esta Lei de Saúde non conta co agrado de todo o mundo, a Xunta de Persoal do Hospital da Costa solicita a retirada inmediata deste anteproxecto de Lei, polo que se suprime a área sanitaria de A Mariña.
O órgano de representación das traballadoras e traballadores entende, segundo informa a CIG nun comunicado, que “o obxectivo do PP con esta reforma é avanzar nas políticas de desmantelamento da sanidade pública, provocar unha perda do número de camas e servizos nos hospitais comarcais, dificultar a accesibilidade aos servizos sanitarios, paralizar a reforma da atención primaria, reducir o número de traballadores/as e precarizar as súas condicións laborais”.
A Xunta de Persoal incide ademais na necesidade de que A Mariña sexa un área sanitaria propia, sen depender de Lugo como ocorre na actualidade, que xestione os recursos humanos, materiais, de infraestruturas e coordine a atención especializada coa atención primaria.
Por iso, a CIG de A Mariña organiza para este mércores a primeira protesta polo cambio do mapa sanitario, será ás 12 ás portas do Hospital e dos centros de saúde.