Onte tivo lugar a gala solidaria Diez Raz10nes a favor das asociacións Down Lugo e Raiolas, impulsada por un grupo de empresarios lucenses coa colaboración da Xunta de Galicia.
A gala, que se desenvolveu no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo, reuniu a unha ducia dos mellores cociñeiros e cociñeiras do panorama galego e nacional -encargados da oferta gastronómica- e contou ademais con actuacións como as do mago Rafa ou La Penúltima Sabinera. A Escola de Hostalería do IES Sanxillao participou tamén no evento.
A recadación obtida distribuirase ao 50% entre a Asociación Raiolas, para reforzar os servizos que presta ás persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), e Down Lugo, para potenciar o seu programa de fomento do emprego.