Propietarios forestais de Cirio, no concello de Pol, formarán unha nova Sofor, que xestionará 52 hectáreas. Deste xeito, Galicia contará cunha nova sociedade que aglutina 480 parcelas. Coa agrupación destes terreos forestais incrementarase notablemente a rendibilidade do monte e contribuirase a unha maior seguridade fronte aos lumes forestais, ao integrar e profesionalizar a xestión dos predios.
Esta semana vén de formalizarse a constitución desta sociedade limitada coa sinatura de 83 propietarios, aínda que cos pro indivisos a cifra aumenta a máis dun centenar de socios. Unha vez dado este paso, solicitarase a súa inscrición no Rexistro de sociedades de fomento forestal.
Segundo fontes da Xunta, “cómpre destacar que cos cambios normativos aplicados a primeiros de ano a través da Lei de Acompañamento, todo monte conveniado que tivera débedas coa Administración galega consegue liquidalas ao constituírse como sociedade de fomento forestal”.
Segundo a consellería “búscase unha xestión máis eficiente e rendible do monte a través do mantemento da propiedade por parte dos titulares dos terreos, que aportan o uso dos mesmos á sociedade. Neste senso, o obxecto social desta figura está especificamente orientado á xestión, aproveitamento e comercialización dos recursos de xeito conxunto”.
Figura en auxe
Con esta nova constitución, a nosa comunidade pasará a ter un total de 6 Sofor, que suman unhas 1.000 hectáreas e agrupan uns 300 propietarios. Sitúanse no concello coruñés de Serra de Outes, no lugués da Fonsagrada e neste de Pol, e nos pontevedreses da Estrada e Silleda (este último conta con dúas sociedades). Ademais, tamén están inscritas con carácter provisional outras dúas Sofor en Lalín (Pontevedra) e O Irixo (Ourense) con outras case 300 hectáreas en total e 17 propietarios máis.