Galicia Dixital está a participar no proxecto formativo para o emprego xuvenil LugoWork, promovido pola Deputación de Lugo e a Escola de Organización Industrial (EOI). Trátase dun programa de formación para a mocidade de entre 16 e 30 anos en situación de desemprego e inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil. Tras a formación, os participantes terán a posibilidade de ser contratados en empresas da provincia durante un mínimo de 6 meses.
Dentro da oferta formativa deste programa, AGESTIC (Asociación Galega de Empresas TIC) desenvolveu o curso “Auxiliar de Xestión Informática e Internet para Pemes”, que ofrece unha formación transversal en Novas Tecnoloxías, para mozas que posteriormente se poidan incorporar a unha Peme contando con coñecementos en Hardware, Sistemas Operativos, Redes, Seguridade Informática, Ofimática, Web, Redes Sociais, Márketing Online, Certificados Dixitais, Relacións Dixitais coas Administracións e Protección de Datos.
Pola súa banda, Galicia Dixital colaborou con AGESTIC no desenvolvemento dos contidos, a organización do curso, e encargarase ademais de impartir o módulo de Desenvolvemento Web. Este curso terá lugar en Lugo desde o 6 de marzo ata o 8 de maio, cunha duración de total 210 horas.