Galicia en Común asegurou hoxe que puxará, desde o Goberno do Estado, por garantir a banda ancha no rural da provincia de Lugo para acabar coa fenda dixital que frea o desenvolvemento das zonas con peores conexións a rede.
“Garantir o acceso á banda ancha nas zonas rurais de Galicia é unha das propostas que figura no noso programa e que coidamos fundamental para impulsar a participación do sector público”, defende Vanessa Somoza, candidata de Galicia en Común pola provincia de Lugo. Executaríase a través dunha estratexia liderada por Red.es e sostida por investimentos públicos para ampliar a cobertura de servizos de comunicacións de banda ancha, internet e telefonía móbil, explica Somoza.
“Con esto o que procuramos é e garantir o acceso en igualdade de condicións para as persoas,os veciños e veciñas de Lugo, tanto se viven nos concellos rurais galegos como nas zonas periurbanas ou nos cascos históricos, o que incide na redución da fenda dixital por razóns de xénero e idade”, explica Somoza.
A aposta polo rural de Galicia en Común tamén pasa polo financiamento do desenvolvemento rural de Galicia creando un marco financeiro multifondo para a política de desenvolvemento rural de forma que poida acollerse aos fondos da Unión Europea, co impulso a programas de emprego a través de liñas de financiamento de entes públicos e entidades son ánimo de lucro que doten de persoal as oficinas agrarias comarcais, distritos forestais e centros de investigación con maiores dificultades estruturais.
Galicia en Común desenvolverá o seu acto central na cidade das murallas este sábado 2 de novembro as 12:00 horas na Ferretería, no número 11 da rúa San Froilán.