Galicia súmase á Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo coa celebración a partir de hoxe de varias xornadas técnicas organizadas nas catro provincias galegas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA).
A Axencia Europea de Seguridade e Saúde no Traballo promove cada ano en toda Europa unha campaña co obxectivo de fomentar lugares de traballo seguros e saudables na que se enmarca a Semana Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo. O lema da campaña 2018-2019 é Traballos saudables: alerta fronte a substancias perigosas, que ten por obxectivo sensibilizar sobre os riscos que presentan as substancias perigosas no lugar de traballo e promover unha cultura de prevención de riscos para xestionar de forma máis eficaz ditos riscos. A campaña fai especial fincapé nos traballadores con necesidades especiais e diríxese aos traballadores vulnerables aos riscos.
Deste xeito, o ISSGA, como órgano técnico da Xunta en materia de prevención de riscos laborais e como membro da Rede Española de Seguridade e Saúde no Traballo, programou para esta semana catro xornadas técnicas, nas catro provincias galegas. O xoves 25, Lugo celebrará unha charla sobre riscos laborais no almacenamento de produtos químicos.