Galicia volve a ser protagonista nas estreas de Codex

Despois do éxito de Trote e Trinta lumes, as cintas galegas proxectadas en Codex Cinema, esta última acadando preto de mil espectadores no mes que leva de exhibición, chega ás salas lucenses Entre a onda e a rocha, un filme documental de Manuel Lógar que consigue crear, a través dunha mirada particular e persoal, unha visión poética e fascinante sobre as vidas e os traballos dos percebeiros da Costa da Morte.
O título non engana porque é precisamente iso o que se amosa na pantalla: unha cámara que se atreve a colocarse xunto a eses heroes cotiáns que arriscan a vida día tras día golpeados polas ondas, marcados polas rochas. Lógar, que filmou esta película con menos de vintecinco anos logra un traballo sorprendente e diferente, que proba a vitalidade e a versatilidade do cinema galego.
Tralo pasamento de Isao Takahata e os cada vez máis espazados traballos de Hayao Miyazaki (que está a rematar a súa nova obra), a animación xaponesa quedou algo orfa, na busca dun novo referente. Cada día é máis complexo facer cinema de animación tradicional nunha industria cinematográfica xaponesa en crise, e por iso resulta tan valiosa a figura de Mamoru Hosoda, un creador que consegue facer un cinema innovador sen deixar de elaborar filmes cariñosos e xenerosos, para toda a familia, sen que por iso renuncie a súa creatividade.
Un grande exemplo disto é Mirai, se cadra o seu filme de madurez dentro dunha filmografía en continuo ascenso, desde que debutara facendo fanservice de sagas televisivas como Digimon ou One Piece. O seu nome foi
crecendo, gañándose o respecto da industria e dos cinéfilos e acadando cimas creativas como Os nenos lobo
ou, a que chega aos Codex esta semana, Mirai. O filme estréase tanto en versión dobrada para os máis pequenos como en versión orixinal para os gourmets da animación xaponesa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com