Ganancia de pescadores

O refrán ten acreditado, por experiencia e por asentamento, que “a río revolto, ganancia de pescadores”. E esto non se refire só á pesca como puidera parecer, que tamén, senón en xeral á sociedade xa que canta menos claridade hai, en calquera ambiente e non só no acuático, mais doado e para os buitres e tiburóns atacar ás súas presas. Que tampouco, cando falamos de buitres e tiburóns, temos que referirnos soamente ao mundo animal.

Agora que xa non se fala de brotes verdes senón que parece haber un case total consenso sobre a bonanza da economía deste país, os que andamos pola rúa mirando arredor, sen desconfiar dos economistas, enquisas, estatísticas… (que si que é para desconfiar), senón que falando con traballadores, empresarios, comerciantes, observadores, asesores fiscais, xornalistas… confirman que a situación económica non mellorou; que, como mínimo está estancada, que é igual ca dicir que está retrocedento.

O cal, e volvendo ao comezo, quere dicir que o río, todos os ríos, baixan revoltos e a ganancia é para o que pesca en augas lodas nas que os peixes andamos desorientados.

Dise que cando todo sube é o momento de vender, e que cando baixa é o momento de comprar. Eso di a norma básica. Pero eso é para buitres e tiburóns con capacidade para agardar nos momentos baixos, e de aproveitarse nos momentos altos.

Sinal de que a crise segue é o ofrecemento dunha mansión indiana viveirense en medio millón de euros cando en tempo de bonanza custaría seis veces máis; a venda de aldeas completas en Galicia, ás que só acudirán extranxeiros ou fondos de inversión; ou os donos de pazos qur os venden por non poder mantelos.

Digan o que queiran as autoridades na materia, os economistas interesados, as enquisas amañadas ou as estatisticas triunfalistas, estamos nun cambio de era, na que o pasado non vai volver, na que o nivel logrado a comezo de século é auga pasada, as pensións serán aprisionadas, e todos nos conformaremos con non pasar necesidade, renunciando a moito do adquirido para salvar os mobles e o pasar mediano.

A río revolto, ganancia de pescadores. Pero non dos que levan cana para pescar a cea familiar, senon dos que utilizan rede, explosivos, e calquera arte prohibida que só aos infractores van beneficiar.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com