Valoración dispar entre PP e AGE polos investimentos en Lugo dos PXE

O deputado nacional popular, Joaquín García Díez, acompañado dos senadores lucenses, Dámaso López e Armando Castosa, fixo esta tarde un primeiro balance dos Presupostos Xerais do Estado para 2016 que esta mañá presentou o Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, e manifestou que “estas contas marcarán un antes e un despois nas infraestruturas da provincia de Lugo”.

Nunha rolda de prensa e nunha primeira valoración, o popular salientou que o presuposto do Ministerio de Fomento para 2016 na provincia lucense ascende a 106,096 M€, e fixo especial mención aos 47.7 M€ que destina o departamento que dirixe Ana Pastor a todas as estradas da provincia, que supón un 12.3% superior á media nacional.

Así, afirmou que “analizando as partidas presupostarias que o departamento que dirixe Ana Pastor destinará a Lugo, quero facer unha mención especial aos 23.2M€ que Fomento destina á A-54, o que permitirá que todos os tramos entre Lugo e Santiago estarán en obra ou co proxecto rematado e en licitación”.

Neste senso, García Díez lembrou que os PGE 2016 contemplan importantes partidas para esta autovía como son: Melide-Palas, cun custo total de 47.410.000 €, que ten unha dotación para 2016 de 7.516.000 €, ao que hai que engadir o tramo de a provincia da Coruña, en total 15.000.000 €., ademais dos tramos Arzúa- Melide, dotados con 12,1M€ e os 24M€ destinados á continuación das obras entre Lavacolla e Arzúa.

Tamén destacou os 2.260.000 € en 2016 para a circunvalación de Guntín, Intercomunicador A-54 e N-540 e os 13.410.000 € para a liquidación de obras nos tramos entre Nadela e Monte de Meda. Con respecto á A-82, ao seu paso por San Cibrao-Barreiros, García Díez manifestou que figuran partidas presupostarias para dous dos seus tres tramos. Estes son: Foz-Burela: custo total de 1.300.000 € para proxectos con 800.000 € en 2016 e 500.000 € en 2017 e Barreiros-Foz: custo total 23.060.000 € con anualidades ata 2019 e 1.530.000 € para 2016.

Con respecto á A-56, que une Lugo con Ourense, o deputado nacional indicou que se retoman as obras no tramo San Martiño- Enlace de A Barrela, paralizadas no ano 2010 e que se retomarán agora, cunha dotación de 6.200.000 € para o 2016 e con respecto á A-72, que une Monforte con Chantada, dixo que se dota unha partida de 600.000 € para o proxecto da variante de Monforte de Lemos.

García Díez tamén puxo en valor a partida de 1.000.000M€ para o Enlace da nova ponte coa cidade lucense, onde se solicita prioridade na construción de rotonda sobre a N-VI en confluencia con Alfonso X.

Tamén indicou que haberá 700000 € destinados a investimentos onde figura o interese cultural do Camiño Francés nos termos municipais de Paradela, Pedrafita, Portomarín, Samos e Triacastela; dos 732.000 € para a rehabilitación e ampliación de obra de paso en N-640 ao seu paso por Meira; dos 13.671.000 €, para a conservación e explotación de estradas e seguridade vial, nin da partida de 1.000.000 € para mellorar os cruzamentos do Camiño de Santiago coa estrada de Lugo á capital galega na N-547.

Con respecto ao ferrocarril, o popular puxo de manifesto que o investimento de Fomento en ferrocarrís na provincia de Lugo se incrementará en 2016 un 2,93% respecto a 2015, cun importe de 17,79M€. García Díez destacou a dotación que se previu no presuposto de Adif para a continuación das obras da Variante da Poboa de San Xiao (7,2 M€), a execución desta actuación permitirá a supresión de 14 pasos a nivel. Ademais, dixo, que se contempla unha partida de 0,9 M€ para a supresión de pasos a nivel na liña Palencia-A Coruña, no municipio de Guitiriz.

Doutra banda,  o popular afirmou que se inclúe a dotación necesaria para o estudo de supresión de pasos a nivel no Concello de Lugo e que se seguirá traballando nos estudos da liña Lugo-A Coruña, na liña Ourense-Lugo, así como na liña Ponferrada-Monforte de Lemos. Por último, García Díez salientou os 8,9 M€ para o mantemento da rede convencional.

Difernte é a valoración do coordinador Comarcal de Esquerda Unida Lugo e Deputado Autonómico de AGE pola provincia, Ramón Vázquez, fixo hoxe unha primeira valoración sobre o impacto dos Orzamentos Xerais do Estado na provincia de Lugo. Ramón Vázquez afirmou que “os orzamentos supoñen unha diminución de case o 2% das inversións para Galicia o que no caso de Lugo, implica continuar pola senda do abandono das súas principais necesidades “

Para o coordinador comarcal de EU-Lugo,“os orzamentos previstos para a Provincia de Lugo concrétanse nas pírricas inversións en materia de realización dos sempiternos estudos para a implantación das liñas de alta velocidade Ponferrada-Lugo e Coruña e Ourense-Lugo (150.000 euros ), as obras das A-54, o inicio de estudos para as obras de conexión da A-8 entre Guitiriz e Santiago e as obras da A-82 entre Barreiros e San Cibrao. Por outra banda o grao de execución dos orzamentos en este tipo de infraestruturas non alcanzou o 60% no 2015”.

Ramón Vázquez engadiu que “pola contra, os investimentos reais en educación diminúen en mais do 50% e os previstos para un sector estratéxico e agonizante na nosa provincia como é a Agricultura, alimentación e medioambiente, caen unha cuarta parte, unha clara mostra de cales son as prioridades para Galicia do Goberno do Estado”.

“Todo isto unido ao limite do déficit imposto ás Comunidades Autónomas do 0,3%, vai a imposibilitar a viabilidade dos servizos públicos e das políticas sociais, e a impedir a activación de políticas para crear emprego e valor engadido na nosa provincia, as nosas principais necesidades” sentenciou o Deputado Autonómico de Alternativa Galega de Esquerda.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com