García Novio presenta a súa nova obra “A voz do mosquito”

Hai veces que as persoas te sorprenden, xa o dicía Rubén Blades, “La vida te da sorpresas”, isto é o que nos pasou a moitos o pasado ano cando soubemos da edición da primeira novela de Francisco García Novio, para moitos, como eu, un recoñecido urólogo pero para nada sabiamos desa outra paixón que, García Novio, mantivo agochada durante decenios.

Teño que dicir tamén que non é a primeira vez que quedo abraiado polas actividades paralelas que desenvolven moitos dos profesionais da medicina, como foi o caso da serie para televisión titulada “Doutor e Galicia” que creei para A Galega, onde profesionais da sanidade contaban en primeira persoa  as  actividades, moitas delas artísticas que desenvolvían no seu lecer.

Por iso hoxe queremos achegarlles aos lectores de Xornal de Lugo a conversa que mantivemos con García Novio, que ben puidera ter sido un dos participantes daquel programa, dadas as circunstancias.

1.- Ten declarado que vostede leva escribindo dende moi novo, aínda que nunca publicara ate que se xubilou. teríalle  gustado ser escritor en paga de médico?

Non, non cambiaría ser médico por ser escritor, aínda que se as circunstancias foran outras, tal vez, aínda que a medicina é unha profesión magnífica, que enche moito e é difícil de cambiar.

2.A súa primeira novela “Os madrileños non sempre veñen en agosto” desenvolvíase no rural galego. Cal é o escenario desta nova entrega literaria?

Ao ser un libro de dezaseis relatos independentes, “A voz do mosquito” sitúase en  distintos ambientes, rurais, urbanos e nese mundo ambiguo que é o barrio, entre un e outro sen acabar de integrarse en ningún.

Gústame reivindicar este mundo a cabalo entre eles no que nunca fomos capaces de soltar o lazo coa aldea á que pertencemos e non somos capaces tampouco de integrarnos na cidade que pretendemos. Somos un pouco apátridas, por dicilo dalgún xeito.

3.- Que tipo de relatos inclúe “A voz do mosquito”?

Algúns recorren o misterio, sen pretender por iso facer unha historia policial como “A morte de Marcelo”.

Outros falan do amor e do desamor, un dos motores do mundo como “A voz do mosquito” que dá título a todo o libro.

Cousa diversas da vida: Son 6 relatos sen temática común, que se refiren a cousas que pasan ou que lle poden pasar a calquera como “Viño natural”, “O aniversario de Xan Manteiga”, “O atentado de Alexandre Rodríguez” ou “Bocartes mariñaos”.

Fora de clasificación están “O home que vivía na marisma” e “Os matavacas”.

Tema urolóxico: só está “Non todo o monte é ourego”

4.- Cal é o seu proceso de escrita?

Parto case sempre dun feito real ou dunha idea e a partir de aí voume deixando levar. Non elaboro un argumento pechado, pretendendo que sexa unha aventura tamén para min.

5.- Quen son os seus autores favoritos?

Resúltame difícil sinalar autores concretos pero por dicir algún destacarei a García Márquez, Saramago, Eduardo Padura e moitos outros en castelán e galego. Gustoume moito “A esmorga” de Blanco Amor.

6.- Que cree que lle aporta a vostede o proceso creativo?

Escribir ficción permíteme voar e pretender ser libre, aínda que non sempre se logra porque os protagonistas teñen vida propia e non sempre se deixan levar onde un quere.

7.- Que destacaría desta nova obra? Ten similitudes coa anterior?

Desta obra destacaría a diversidade dos temas o que permite cambiar dun mundo a outro sen ter que moverse máis que unha ducia de paxinas. Non lle atopo similitude cos “Madrileños non sempre veñen en agosto”, pero de seguro que se o analizo con detemento en algo se pareceran pero non son eu quen o debe facer porque me perde a subxectividade.

8.- Que día e onde se presenta “A voz do mosquito”? Pode acudir calquera persoa ou é necesario invitación?

A presentación de “A voz do mosquito” están invitados todos os que queiran ir que serán ben recibidos. Celebrarase no patio do Vello cárcere as sete trinta da tarde do xoves vinte e oito de novembro. Gustaríame contar con vos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com