O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, copresidiron esta mañá a reunión ordinaria da Xunta Local de Seguridade do Concello de Foz, na que se abordou o operativo de seguridade para o período estival no municipio. Neste senso, aseguraron que se manterá a “colaboración plena” entre os efectivos da Garda Civil e a Policía Local de cara a intensificar “as tarefas de vixianza preventiva” durante os meses de verán, especialmente na zona dos areais ou durante a celebración de eventos festivos, como é o caso do San Lourenzo en agosto ou do San Martiño en xullo.
Os integrantes da xunta de seguridade fixeron tamén unha análise global da situación delincuencial en Foz e destacaron que a delincuencia rexistrou unha diminución con respecto ao mesmo período do ano anterior. Por outra banda, o subdelegado do Goberno destacou os resultados acadados no municipio focense en canto á tendencia dos últimos meses no cómputo de delitos, “o que pon de manifesto o bo traballo que están a desenvolver as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en cooperación coa Policía Local”, e apostou por “seguir afondando nesa cooperación e traballo conxunto” de todas as forzas policiais.
O subdelegado do Goberno informou tamén na xuntanza desta mañá do traballo realizado en Foz ao amparo do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar nos centros educativos e as súas contornas, deseñado pola Secretaría de Estado de Seguridade co fin de reforzar a educación, a prevención e a vixilancia nos centros escolares.