A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a reunión semanal do Centro de Coordinación Operativo da provincia (CECOR) que analizou o dispositivo de seguridade establecido na provincia con motivo da Semana Santa en cumprimento da normativa da Xunta sobre a COVID-19. A xuntanza, que tivo lugar por vía telemática, contou coa participación, tamén, de mandos da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica e a Policía Local de Lugo; ademais de representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia.
Isabel Rodríguez explicou que durante a Semana Santa as forzas e corpos de seguridade intensifican os controis, nos que teñen establecidas como prioridades a vixilancia do peche perimetral de Galicia e o cumprimento do Plan de Hostalaría Segura. O dispositivo de seguridade está composto por Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica e Policía Local, que traballan en coordinación.
A subdelegada informou tamén de que nos últimos sete días, desde a anterior reunión do CECOR, que tivo lugar o mércores pasado, a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron na provincia 993 inspeccións a establecementos de hostalaría. Ademais, as forzas de seguridade do Estado efectuaron 668 controis que contaron coa participación de 1.187 axentes. En total durante esta semana, desde o día 24 ata o 30 de marzo, a Policía Nacional e a Garda Civil identificaron 7.759 persoas, controlaron 6.376 vehículos, formularon 230 propostas de sanción e realizaron 1 detención.
A subdelegada agradeceu as forzas e corpos de seguridade da provincia a súa implicación e traballo continuado no seguimento da normativa contra a pandemia que establecen as autoridades sanitarias.