A Garda Civil inmobiliza xoguetes con ovos de crustáceos en catro tendas de Lugo. En total retiráronse ata 43 caixas que se atopaban en venda ao público. Este operativo policial atópase en fase de investigación e análise por se a especie atopada puidera ser a chamada ‘triops longicaudatus’, considerada unha especie invasora.
Segundo informou a Garda Civil, a etiquetaxe destes produtos presenta irregularidades conforme a lei de protección de animais domésticos e salvaxes en cautividade e conforme a lei de patrimonio natural e biodiversidade.
Por este motivo, os xoguetes inmobilizados quedan a disposición da consellería de Medio Ambiente e da de Industria da Xunta, por seren as autoridades competentes na materia.