Gobernanza impulsa a unificación de criterios nos Órganos de Selección de Persoal municipal

concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, vén de adoptar importantes medidas para resolver algunhas das necesidades máis destacadas da administración local, en materia de Recursos Humanos.

Por unha banda, hoxe a Xunta de Goberno nomeaba como funcionarios de carreira aos doce aspirantes que superaron o proceso selectivo para as prazas de bombeiro condutor, procedentes das Ofertas de Emprego Público de 2015 (6 prazas) e 2016 (6 prazas).

“A nosa intención – explicou Paula Alvarellos – é que estes efectivos se incorporen aos seus postos de traballo o máis axiña posible, aínda que os novos axentes de extinción de incendios deberán pasar antes por un proceso de formación específica. O obxectivo é fornecer, de forma inmediata, o cadro de persoal deste corpo”.

Tamén esta semana o Boletín Oficial do Estado publicaba a convocatoria de 7 prazas de inspector da Policía Local, 4 delas en quenda de promoción interna (3 correspondentes coa OPE de 2016 e 1 coa OPE de 2017) e outras 3 que se realizaron por concurso no turno de mobilidade interadministrativa.

Precisamente, e debido á elevada cantidade de procesos de selección de persoal que están en execución e que quedan por realizar, con cargo ás OPEs dos últimos catro anos (2015 – 2018), o executivo lucense acordaba consensuar esta mañá as instrucións para o funcionamento e actuación dos Órganos de Selección do Concello co fin de establecer unhas pautas, uniformes e homoxéneas, en beneficio dunha maior seguridade xurídica dos aspirantes que concorren ás probas selectivas así como para fornecer as garantías de obxectividade, independencia e imparcialidade que deben presidir as actuación dos Tribunais.

Así, entre algúns dos espectos máis sinalados que recolle esta regulamentación figura a esixencia de que os integrantes dos Órganos de Selección quedarán desvinculados da estructura xerárquica da Administración Pública cando actúen na súa condición de membros do Tribunal. Pasarán a ser nomeados por acordo da Xunta de Goberno e a súa composición rexerase polas bases xerais para o acceso en propiedade a prazas de funcionarios e persoal laboral, velando en todo caso polo cumprimento do principio de especialidade.

Impóñense, ademais, unha serie de restricións. Non poderán formar parte destes Órganos o persoal de elección ou de designación política, os funcionarios interinos nin o persoal eventual, tampouco os representantes sindicais, órganos unitarios ou asociacións que exerzan funcións representativas dos empregados públicos.

“Do mesmo xeito, conformarase unha bolsa rotatoria integrada polos funcionarios e laborais fixos interesados en formar parte dos Tribunais e todos os membros deberán posuír unha titulación académica de igual ou superior nivel á esixida para o acceso ás prazas convocadas. Tenderase, na súa composición, á paridade entre homes e mulleres e as sesións terán lugar, salvo en ocasións excepcionais e xustificadas, en horario de tarde, fóra da xornada ordinaria de traballo, para non perturbar o normal funcionamento do Concello”, indicou a edil de Gobernanza.

Paula Alvarellos sinalou igualmente outros aspectos destas instrucións como son que os acordos se adoptarán por maioría de votos dos membros presentes e que haberá un número máximo de sesións por Tribunal e Proceso Selectivo e ademais recolle unha serie de pautas para a elaboración dos exercicios ou outras medidas adicionais que potencian a obxectividade do procedemento, como o anonimato dos aspirantes na corrección dos exames ou a posibilidade de asistencia ás reunións dun observador, que, sen ter nin voz nin voto, poderá presenciar o desenvolvemento do proceso, previa solicitude e actuando a título individual, sempre e cando se axuste aos mesmos requisitos que os membros do Órgano Selectivo e respecte o deber de sixilo profesional esixido.

Tamén a Xunta de Goberno desta semana acordaba modificar o regulamento do Tribunal Económico e Administrativo que levaba máis dunha década sen renovarseDe forma que os cambios introducidos suporán o cese dos membros actuais do TEA. Os novos integrantes pasarán a permanecer no cargo polo transcurso de 4 anos dende o seu nomeamento, sen prexuízo de que se acorde unha prórroga por unha soa vez e por acordo do Pleno por maioría absoluta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com