O Goberno aproba 95,3M€ para o Proxecto de Orzamentos para 2018

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto á Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, presentaron hoxe o proxecto de Orzamentos do 2018, que esta mañá aprobou a Xunta de Goberno en sesión extraordinaria. En palabras da rexedora este é “o presuposto máis investidor dos últimos anos”, sumando un total de preto 95.375.882 euros, o que supón un 5% máis que os do 2016, os últimos aprobados.

As dúas partidas máis importantes que reflexa este documento son os Investimentos que aumentan un 40% con respecto aos do 2016, pasando dos antigos 9 millóns aos 15,2 que presentan para 2018; a outra partida que leva todo o peso deste proxecto é a de Políticas Sociais que suman 23 millóns de euros. Lara Méndez asegurou que este proxecto que hoxe aproba a Xunta de Goberno conta con propostas dos demáis grupos polo que espera que sexa aprobado no Pleno do vindeiro 21 de decembro.

Entre as actuacións contempladas nos presupostos coas que o Goberno materializará o seu modelo de cidade, a rexedora destacou o Plan de Barrios ao que dedican 2,5 millóns de euros, un millón máis que no borrador de orzamentos do 2017 porque “detectamos máis necesidades e demandas, e porque hai máis acordos plenarios aprobados”, explicou Méndez, dado que se trata dunha iniciativa que permitirá responder mellor e o máis áxil posible ás necesidades da veciñanza, pero tamén “cumprir moitos acordos adoptados pola Corporación no Pleno”.

Outra das partidas destes orzamentos destina 1 millón de euros para o Centro Social da Piringalla, a biblioteca municipal que xa se contemplaba nos anteriores orzamentos pero ampliada. Trátase da partida necesaria para rematar a construción do edificio para funcionar como centro sociocultural, o que salda “unha débeda” cos veciños e cumpre tamén un acordo plenario, indicou Méndez.

Máis proxectos destacados son a urbanización do entorno do novo CEIP do Sagrado Corazón (120.000€); un novo canil na rúa Serra de Ancares (60.000€) e a área pública de baño do Miño, cunha provisión de 250.000€ achegados  pola Deputación de Lugo, nunha nova mostra do seu “compromiso cos lucenses”, asegurou a Alcaldesa, que se suma a outras iniciativas ás que a institución provincial xa ten achegado financiamento.

Asemade, destaca unha partida para poder facer fronte ao aluguer dos locais que o Instituto Galego de Vivenda e Solo ten no barrio da Tinería e que o Concello pretende destinar a novas instalacións do viveiro de empresas CEI Nodus.

A Alcaldesa dedicou un apartado propio ao rural polo “compromiso do Goberno para que os veciños e veciñas das nosas 54 parroquias, o 80% do territorio do concello, teñan os mesmos dereitos e servizos que os da zona urbana”. O Orzamento 2018 destina 1,3 millóns de euros a investimentos no rural, como a dotación de alumeado, asfaltado e roza, e tamén ao saneamento, cunha partida de 300.000 euros, “cumprindo coa palabra que lle demos aos veciños de achegar o 30% que deberá completar a Xunta co 70% da achega, e poder dispoñer así de 1M€ ao ano para avanzar na dotación deste servizo”.

As políticas sociais, que supoñen o 24% do presuposto total, contan cunha partida de 23 millóns de euros. “Queremos seguir sendo os primeiros de Galicia en investimento social e ir arañando postos a nivel nacional, non polo feito de subir no ranking, senón porque estaremos dando mellores prestacións ao eslabón máis débil da sociedade”, afirmou a Alcaldesa. Méndez detallou que o investimento para Benestar Social ascende a 8,5 millóns de euros, Cultura, con 5 millóns de euros, Educación, con 3,6 millóns de euros, Deportes, con 3 millóns de euros, e Emprego, con 3 millóns de euros.

Pola súa banda, Ana Prieto, desglosou parte deste proxecto de orzamentos e explicou, asemade, o Plan Económico Financieiro, un documento que o luns aprobou a Xunta de Galicia, e que era un paso imprescindible para que o Concello de Lugo puidese continuar coa aprobación dos presupostos tras romper o teito de gasto. Ana Prieto asegurou que non se incumpriu a regra de gasto e, se se fixo, “foi para eliminar unha débeda histórica; ao incorporar ao exercizo orzamentario de 2016 remanentes de crédito para poder pagar as expropiacións da Ronda do Carmen, máis de 4 millóns de euros”.

Agora, todo queda en mans da oposición. A rexedora lucense mantivo contactos xa cos grupos que apoiaron a súa investidura e dixo confiar en que estes partidos “terán altura de miras, responsabilidade e anteporán o ben da cidade”, engadindo que “resulta moi difícil de explicar o non a un presuposto que contempla actuacións que contan con respaldo, ben plenario ou ben social, e sen os que ademais correríamos o risco de perder os 22 millóns de euros de fondos europeos que tanto nos custou conseguir aos lucenses”.

Reaccións da oposición

Como era de esperar, as primeiras reaccións a este documento non se fixeron esperar, e o primeiro grupo en falar foi o Partido Popular, que conta con maioría no Pleno. O seu voceiro, Antonio Ameijide, acusou á alcaldesa de “fallar ao respecto institucional” por ocultarlles aos populares este documento de orzamentos. Ameijide considera este feito como “unha proba de que Méndez non quere negociar nin consensuar as contas”.

Doutra banda, a voceira de Lugonovo, Cristina Pérez, considerou esta mañá que estes orzamentos “chegan tarde”, pero dá un voto de confianza ao goberno de Lara Méndez e asegura que esperará a ver o documento financieiro para valorar o proxecto. Pérez Herráiz cre que o feito de que o investimento previsto sexa análogo ao estimado para o exercicio anterior suporá o desaproveitamento do superávit existente. “O que lamentamos profundamente e que, pese a xactarse a miúdo de ter cancelado a débeda do Concello, esta circunstancia non vaia reverter de ningunha maneira na cidadanía”.

Para Rubén Arroxo, voceiro dos nacionalistas, este anuncio de levar os orzamentos ao pleno é unha “sorpresa”, e ve difícil que “poidamos aprobar uns orzamentos para os cales non houbo debate, ou negociación; máis cando dende o BNG propúxose hai catro semanas que se podía ter feito unha Xunta de Voceiros para recoller todas as propostas que tiñamos os grupos”.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com