A Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobou esta mañá as bases para novas subvencións en diversas áreas, por un valor total de case 240.000 euros. Así o anunciou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen desglosou estas axudas a través dos diferentes ámbitos.
Máis en concreto, segundo explicou o voceiro, o goberno local destinará a axudas a Organizacións non Gubernamentais polo Desarrollo (ONGD) de servizos sociais 12.000 euros; ao ámbito de participación cidadá, é dicir, a asociacións veciñais, educativas ou profesionais, 45.500 euros; a área de deportes levará nestas bases un total de 171.000 euros, dos cales 26 mil van destinados a becas a deportistas individuais que destaquen no seu deporte a nivel rexional ou nacional, e, por último, o Concello dedicará 10.000 euros a axudas económicas para asociacións do ámbito da xuventude.
Segundo indicou o Voceiro Municipal, Miguel Fernández, o prazo de presentación das solicitudes será de 20 días naturais para as destinadas a ONGD e 15 días para o resto, contados dende o día seguinte á publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións. Publicaranse tamén no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e no taboleiro de edictos, na páxina web, www.lugo.gal, e no Portal de Transparencia do Concello.
Outros asuntos
Tal e como avanzara a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, na sesión de hoxe aprobouse o proxecto de expropiación parcial dos terreos que constitúen o tapón urbanístico da Avenida da Coruña, así como o proxecto de urbanización, cun orzamento total duns 102.000 euros. Tras a aprobación inicial, os acordos someteranse a exposición pública un mes para logo aprobarse de xeito definitivo, momento no que se sacarán as obras a contratación. O Goberno estima que a finais de ano ou principios do que vén estén rematas, e o tapón urbanístico desaparecerá.
Entre outros asuntos, a Xunta de Goberno celebrada esta mañá acordou tamén prorrogar o contrato correspondente á realización de actividades de ensinanza deportiva e servizos complementarios nas instalacións deportivas das Pedreiras, O Polvorín, Frigsa e outros emprazamentos deportivos municipais ata xuño de 2016, por un importe de 400.500 euros; así como do servizo de mantemento, conservación e explotación dos sitemas de control de tráfico ata maio do 2018, por un importe duns 150.000 euros.