O Goberno da Deputación renova a traída de auga no barrio da Enfermería en Meira

O voceiro da Deputación, Álvaro Santos Ramos, avanzou a aprobación na Xunta de Goberno, celebrada hoxe polo executivo provincial, de investimentos por valor de 190.000 euros para melloras en dotacións públicas de núcleos rurais de 8 Concellos. Santos Ramos fixo fincapé na reparación da traída de auga potable do barrio da Enfermería, nas Casasnovas, en Meira. Trátase dunha obra que financia na súa totalidade o Goberno da Deputación con 27.000 euros para pór fin aos cortes de auga producidos por mor da seca e polas fugas da rede existente.

Son un total de 60 os veciños da zona que se beneficiarán directamente destas melloras, que consistirán na reposición das válvulas e das tubaxes Santos Ramos apuntou que “facémolo dende o Goberno da Deputación a pesares de que é a Xunta de Galicia quen debería actuar pois é a administración que cobra o canon da auga aos veciños da nosa provincia. Pero o que fai despois é repartir este canon a dedo en Concellos gobernados por Concellos do PP, cando debería ser reinvestido na mellora das traídas e redes de auga do rural”.

Na sesión de hoxe, aprobáronse ademais obras de rehabilitación de estradas, accesos ou locais sociais, por valor de 163.000 euros, coas que o Goberno da Deputación reivindica a igualdade de oportunidades vivas onde vivas.

Entre estos investimentos atópase unha partida de 96.000 euros destinada á mellora dun treito da estrada LU-P-2801, de Santo Tomé a Mazo por Adriano e Augaxosa, no Concello de Riotorto. Asemade, partidas de case 12.000 euros para a rehabilitación de estradas en Cumbraos (Monterroso), mellora de camiños en Aradelas (Monforte de Lemos), acondicionamento do acceso ao núcleo de Vilaluz (Cervantes) e rehabilitación do acceso a Fitoiro (A Pastoriza). Doutra banda, o executivo destinará 10.460 euros ao acondicionamento do local social de Campos de Vila, Revide e A Toca, en Quiroga e 8.349 euros a melloras viarias en Cuiñas (A Fonsagrada).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com