O Delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, mantivo esta mañá unha reunión co xeneral xefe da XV Zona da Garda Civil, Anxo Alonso; o xefe superior da Policía Nacional, Manuel Vázquez; e o comisario xefe da UPA, Silverio Branco; na que se confirmou que se están producindo avances nas distintas liñas de investigación en relación cos incendios que a pasada fin de semana destruíron en Galicia máis de 35.500 hectáreas e provocaron o falecemento de catro persoas.
No encontro realizado na Delegación do Goberno deuse conta da evolución nas distintas liñas de investigación que se están realizando e que están abertas nas catro provincias galegas “están a recollerse as probas e estase traballando intensamente para determinar a orixe dos lumes e deter aos causantes”, destacou Santiago Villanueva.
Durante a reunión o delegado do Goberno reafirmou que “este é un tema prioritario, para iso contamos non só cos axentes que están en Galicia senón que ademais esta reforzado con equipos especializados do Seprona da Garda Civil; da Comisaría Xeral de Policía Científica de Madrid e un experto da Xunta de Galicia en materia de incendios forestais”. “A perda de vidas humanas, a inxente cantidade de terreo queimado e os danos do patrimonio contan cunha investigación intensa e coordinada”, asegurou Villanueva aos responsables de Garda Civil, Policía Nacional e UPA. Do mesmo xeito tamén se lembrou que os axentes están a recoller todas as probas, revisando gravacións de cámaras de seguridade e realizando interrogatorios que poidan axudar á pronta resolución e identificación dos responsables dos incendios forestais.
O responsable da Delegación do Goberno transmitiu así mesmo o seu pésame pola perda de vidas humanas, á vez que comunicou a súa admiración aos máximos responsables polo traballo realizado polos axentes durante a extinción dos incendios.
Culpabilidade subxectiva
Aínda que non quedan incendios activos, o lume entre políticos sigue moi encendido. Como era de esperar, para os rexedores socialistas a culpa é do PP na Xunta de Galicia; pero para as oposicións do PP, a culpa é dos alcaldes que non solicitaron a brigada contra incendios que proporciona o ente autonómico. É o caso da Pobra do Brollón, os populares da localidade aseguraron esta mañá que se o alcalde non renunciase á brigada contra incendios, a extinción dos lumes sería moito máis rápida e a seguridade cidadá tamén sería maior. Deste xeito, advirten que “o peor de todo é que en 2018 tampouco poderán ter esta prestación por non solicitala este ano”.