O Grupo Municipal Socialista do Concello de Vilalba critica a negativa do alcalde de Vilalba, Agustín Baamonde, ante a proposta levada a pleno sobre o establecemento dun sistema público de pensións con maior capacidade de distribución e redución das desigualdades “nun momento no que milleros de persoas están saíndo ás rúas para esixir pensións máis xustas e que o Partido Popular se nega a escoitar”.
Os socialistas de Vilalba propuxeron que se instara ao goberno de España a volver ao consenso de 2011, derrogando os cambios producidos posteriormente, así como garantir o poder adquisitivo das pensións en relación ao IPC e eliminar o factor de sustentabilidade establecido polo PP. “Despois de darlle voltas a cada un dos puntos para tratar de excusar a súa negativa, todos os e as concelleiras do PP con Agustín Baamonde ao fronte votaron en contra desta moción”, explicou a voceira dos socialistas, Elba Veleiro.
Segundo aseguran desde o PSOE, “o Partido Popular de Vilalba está máis preocupado de acatar ordes de arriba que de defender os dereitos das vilalbesas e vilalbeses pensionistas, mostrándose en contra do que están a pedir moitos cidadáns e intentando facernos crer que unha suba do 0,25% supón unha mellora notable, cando do que se trata é dunha auténtica burla para todos”.
Ademais, os socialistas subliñan a “falacia repetida sen descanso polos populares de que a xeración de emprego é a única solución para manter o sistema de pensións, pois as políticas de emprego do PP puxeron en perigo a sustentabilidade económica das mesmas, que entraron nun período de déficits constantes e crecentes, o que xerou unha inestabilidade e incertidume entre todos os cidadáns”.
Desde o Partido Socialista censuran “a soberbia coa que sacan a relucir datos de emprego ocultando a temporalidade e precariedade dos contratos, así como deixando entrever a imposibilidade de soster un sistema público de pensións empurrando aos cidadáns a sistemas privados”. Por iso, “desde o Partido Socialista consideramos que o dereito ás pensións e o acceso ao Sistema da Seguridade Social debe considerarse un dereito constitucional incorporado como tal na reforma que propoñemos e sustentado noutro modelo de financiamento que reforce os desequilibrios poboacionais”.