O Goberno da Deputación está a estudar todas as posibles alternativas para reducir o prezo estimado das prazas nos seus centros de maiores ante a reiterada negativa de colaborar e cambios de parecer por parte da Xunta de Galicia. Así anunciaba hoxe tras as denuncias vertidas pola voceira provincial do PP, Elena Candia, quen asegurou que o Presidente do Executivo, Darío Campos, estaba a “torpedear” a apertura das Residencias ao non fixar os prezos por praza como aprobou o último pleno.
A popular aseguran esta mañá que a “loita interna que manteñen Campos e Martínez” pon en risco a posta en funcionamento dos centros de maiores e ameazan as posibilidades laborais dos traballadores seleccionados e dos futuros usuarios.
Na contra, o goberno da Deputación desmentiu estas palabras de Candia e asegurou que é a administración galega a que, se negou a colaborar nun principio porque a Deputación de Lugo non figuraba no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), o que podería encarecer os prezos.
Asemade, o goberno socialista insiste en que unha vez inscrita a administración no RUEPSS, a Xunta cambiou de parecer e dixo que tiña que ser SUPLUSA. Agora, estando tanto a institución luguesa como o organismo dependente da mesma en dito Rexistro, e segundo asegura a Deputación, a Xunta tampouco quere colaborar porque, “os centros da Deputación son para non dependentes e dita administración só concerta prazas para dependentes”.
Ao mesmo tempo, o Executivo Provincial avanza na ordenanza da rede de residencias e centros de día coa previsión de presentala a todos os grupos políticos en marzo. O Goberno da Deputación pide ao Partido Popular que “deixe de enredar e inventar batallas políticas”, e que “traballe para que os seus compañeiros da Xunta de Galicia colaboren con este proxecto, cando menos, axilizando a concesión das licenzas”.
Ata o momento, e despois de varios anos de espera, o Goberno galego só concedeu o permiso do centro de maiores de
Castroverde. Neste senso, o Executivo Provincial tamén aclara que o que di a portavoz do PP sobre da retirada das encomendas de xestión de Guitiriz e Trabada non coincide co ocorrido xa que ambos asuntos están executados. Simplemente se estudou esa posibilidade unicamente ás recomendacións feitas por outras administracións.
Subliñar que SUPLUSA ven de solicitar recentemente ao Concello de Guitiriz os permisos para poder iniciar as obras e tamén á Xunta de Galicia o permiso de inicio de actividade para a de Trabada.