O Secretario Xeral do PSdG, José Ramón Gómez Besteiro, acudiu hoxe a Lugo para levar a cabo unha reunión de traballo coa Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, para poñer enriba da mesa accións de goberno no Concello de Lugo
Lara Méndez sinalou que “os eixos prioritarios son o Benestar, as políticas sociais, e en segundo lugar a dinamización económica que pasa por potenciar sectores estratéxicos como é o Turismo. Falamos tamén das infraestructuras de Lugo, pasando en primeiro lugar por esixir os servizos do HULA (Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear). O goberno autonómico deunos a razón coa destitución da Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, que non atendeu estas demandas. Esperamos que o novo Conselleiro palíe estas desigualdades”. Méndez falou asemade das demandas dos lucenses no tocante a estación Intermodal, a dotación de servizos no barrio da residencia, ou prazas de garderías.
Pola súa banda, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou esta visita á cidade como ineludible, encamiñada cara ás vindeiras eleccións autonómicas e das xerais de decembro, pero tamén para demandar unha maior igualdade entre as provincias galegas.
“A diverxencia entre as provincias do interior e A Coruña e Pontevedra é alarmante, o goberno de Feijóo amosa unha forte debilidade ao rectificar aos seus Conselleiros antes do debate do Estado de Autonomía. Feijóo chega sen os deberes feitos, veremos se estes cambios son reais ou so son un lavado de cara, un cambio estético”.
Ao respecto da moción de censura acontecida onte na Deputación de Lugo, o ex-presidente do ente provincial, afirmou que “estou moi satisfeito, sobre todo porque se recuperou a normalidade democrática, e recuperouse o ritmo que levan os socialistas na provincia”.
Gómez Besteiro non fixo autocrítica algunha sobre os socialistas, botando balóns fóra cara aos populares. Afirmou que a autocrítica para o PSgG foi recuperar onte a Deputación de Lugo, logrando que o BNG e Martínez acordaran votar por unanimidade ao candidato socialista, e dende onte Presidente da Deputación, Darío Campos.