A voceira do goberno local, Ana González Abelleira, declarou hoxe que “´é necesario que a Xunta de Galicia asuma dunha vez por todas as súas funcións e que compense o gasto que concellos como o de Lugo están a facer en competencias da Administración Galega”. A voceira do goberno municipal pediulle ao Goberno Galego que actúe en materias nas que “agora mesmo hai unha parálise total, como pode ser a xestión dos fondos europeos” ao fío do informe do Consello de Contas coñecido a pasada semana, no que pon de manifesto que “a Xunta deixou de ingresar case 100 millóns aos concellos no ano 2023, ao tempo que censuraba ademais o escaso beneficio municipal nos fondos europeos que xestiona a Administración Galega”.
González Abelleira insiste na “situación de asfixia que estamos a sufrir moitos concellos galegos ante a necesidade de asumir competencias impropias da Xunta, en ámbitos que non podemos descoidar porque afectan moi directamente ás persoas, ao coidado das e dos maiores, ou de lucenses en situación de vulnerabilidade”. Ao mesmo tempo, lembra que “esta non é a primeira vez que o Consello de Contas reprende á Xunta por estes incumprimentos”.
Abelleira explica que “o centro de todas as nosas políticas son as persoas, por iso neste tempo licitamos os contratos de escudo social fundamentais para a veciñanza como son o Servizo de Axuda no Fogar e Xantar na Fogar, nos que investiremos máis de 35 millóns de euros nos próximos anos para garantir a calidade de vida das persoas maiores”.
González Abelleira destacou que “outra das competencias propias da Xunta de Galicia que “está obrigada a asumir o Concello é a de Muller e Igualdade”. Neste senso, lembra que “o orzamento total do Gobero local nesta área ascendeu o ano pasado nuns 850.000 euros. Ademais de asumir as competencias autonómicas no municipio lucense, o CIM de Lugo atende e asiste a mulleres doutros municipios lucenses, xa que na provincia de Lugo hai 11 Centros de Información á Muller, fronte aos 17 que operan na provincia de Ourense, os 27 de Pontevedra e os 29 que hai abertos na provincia da Coruña”.
Segundo a voceira, “o Consello de Contas estima que dos 1.475 millóns de euros ingresados á Xunta, esta transferiu ás entidades locais un 0,01%, o que fala por si só desa inoperancia” e puxo como exemplo de xestión a do Concello de Lugo que “está a xestionar 44 millóns de euros de fondos europeos, sendo exemplo non só de xestión, senón tamén de execución e xustificación”.