Gracias, Lugo

Dicía Séneca que “nada é máis honorable que un corazón agradecido”.

Imaxinen por un momento que se presentasen por primeira vez a unhas eleccións nacionais pola súa provincia.

Imaxinen que o fixesen despois de 14 anos tratando de facer todo o que estaba nas súas mans por esta terra e desde a súa terra. Cunha única prioridade: a vocación inquebrantable de servizo público por e para Lugo; e por e para Galicia.

Imaxinen tamén que durante toda a campaña sentisen o apoio incondicional do seu partido; que todos os membros da candidatura se comportasen como o que son, como un equipo; e que nas últimas semanas moita xente os parase pola rúa, lles dixese que estaban orgullosos de votalos e que os animasen a seguir nesta liña.

Imaxinen, por último, se o obxectivo do seu partido fose alcanzar tres representantes para o Congreso e para o Senado -sendo moi conscientes da dificultade real de conseguilo- e certificar así o máximo apoio posible a Alberto Núñez Feijóo, o mellor candidato que se podería presentar en España para presidir o Goberno.

E se despois de imaxinar todo isto, comproban que o soño se converte en realidade, entenderán por que desde o Partido Popular de Lugo a única palabra que nos sae dicir é “gracias”.

Gracias aos medios de comunicación pola cobertura da campaña electoral, para que a sociedade lucense estivese en todo momento informada de cales eran as nosas propostas para despois poder escoller a opción que consideraban máis axeitada.

Gracias a todos os veciños e veciñas que nos mostraron o seu cariño durante as últimas semanas. Un compromiso de verdade, queratificaron nas urnas con máis de 98.000 votos, superando o 50% dos apoios e acadando o mellor resultado de toda España para este partido.

Gracias a todo o equipo da candidatura polo gran traballo realizado.Só así se explica que o PP conseguise preto de 30.000 votos máis que nos comicios de 2019 na provincia de Lugo.

Gracias á familia do Partido Popular de Lugo: alcaldes e alcaldesas, portavoces municipais, concelleiros e concelleiras, afiliados e afiliadas, simpatizantes, e a todo persoal    do gabinete, da área de comunicación e do departamento administrativo, así como á dirección do PP, tanto a nivel nacional como rexional. Sen todos eles,sería imposible explicar por que gañamos en 63 dos 67 concellos da provincia.

En definitiva, gracias de corazón.

Porque pase o que pase agora en España, no Partido Popular de Lugo temos claro cal é o noso deber. Sabemos que é o que nos pediron os veciños e veciñas que depositaron en nós a súa confianza. Poden ter seguro que os tres representantes ao Congreso e os tres ao Senado cumpriremos a palabra dada: defender sempre, por enriba de todo, os intereses de Lugo.

Un mandato co que espero que poidamos estar á altura dos nosos votantes, pero tamén das persoas que optaron por outras opcións políticas o pasado 23 de xullo. Porque iso é o único que importa: servir ao pobo lucense con respecto, máxima dedicación e eterna gratitude.

Traballaremos por esta provincia da mesma maneira que ela acudiu ás urnas de xeito maioritario. De corazón e con cabeza.

 

Francisco Conde, candidato electo do Partido Popular de Lugo ao
Congreso dos Deputados

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com