O Partido Popular, ofreceuse, por medio de Elena Candia, a todas as persoas seleccionadas pola Deputación para prestar o seu servizo nas residencias proxectadas por esta institución na provincia. Para que “se respecten os dereitos destas persoas, que levan agardando dous anos “polo seu futuro”, e se actúe con transparencia. Tal é así que se ofrece a levar ao Pleno iniciativas nesta dirección”. Asemade invitou ao BNG a que se sume a esta iniciativa.
Candia leva reivindicando dende hai tempo “a apertura destas instalacións porque son necesarias, tanto para os cidadáns que agardan unha praza, como por todas os que foron seleccionados por SUPLUSA en plena campaña das municipais para traballar nelas”. Neste senso, Elena Candia reitera que “non se pode xogar así coas persoas. Poñémonos na pel dos afectados. Ten que ser unha incertidume non saber cando van comezar a traballar, nin onde, e todo iso, logo de pasar un proceso selectivo hai tempo”. Por este motivo, engade, “queremos trasladarlles que estamos con eles”.
Plan de apertura liderado polo PP
Dada a situación, a voceira provincial mantén que, non vindeiros días, porá a disposición do Goberno Provincial unha proposta “seria e coherente” para abrir estas instalacións, e que dea solución a todas estas “promesas incumpridas”. Deste xeito, segundo este plan, o primeiro centro da terceira idade que entrará en funcionamento será o de Castroverde.
Elena Candia agarda contar así co apoio do Goberno Provincial e do BNG porque, ademais, o grupo que dirixe conta con informes que avalan que SUPLUSA pode xestionar estas infraestruturas; o cal tamén sería decisivo para que os seleccionados comezasen a traballar canto antes.