A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, copresidiron hoxe a Xunta Local de Seguridade na que se aprobou a adhesión deste municipio ao Protocolo para a protección das vítimas de violencia doméstica e de xénero.
A subdelegada do Goberno felicitou á alcaldesa, Regina Polín, “pola sensibilidade que demostra ao tomar a iniciativa de adherir o Concello de Guitiriz ao Protocolo de colaboración para a protección das vítimas de violencia doméstica e de xénero. Todas as institucións somos moi necesarias e a colaboración de todos, administracións, forzas de seguridade –as que agradezo o gran traballo que fan moitas veces con escasos medios- e cidadáns é fundamental para protexer ás vítimas”.
“Coa súa adhesión ao convenio de colaboración co Ministerio do Interior, o Concello de Guitiriz dá un paso máis na protección das vítimas de violencia de xénero deste municipio. Penso que é moi boa noticia porque as administracións locais son a administración máis próxima aos cidadáns. Por iso, este Goberno deulle un novo pulo á loita contra a violencia de xénero e unha das primeiras medidas que tomou foi devolverlle competencias na materia aos municipios, dotándoos ademais de recursos económicos”,explicou Isabel Rodríguez.
Pola súa parte, a alcaldesa de Guitiriz destacou que “acabamos de conmemorar o Día internacional contra a violencia de xénero e sempre digo que esta loita non é cousa dun día. Pasado o 25 de novembro, hai que seguir actuando cada día ata que deamos acabado con esta lacra”. Regina Polín suliñou que “en Guitiriz, facémolo, na medida das nosas posibilidades poñendo a disposición os nosos modestos recursos, porque este é un problema que nos afecta a todos”.