A Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, informou esta mañá que o Concello vén de acadar unha subvención da Unión Europea por valor de 288.000 euros a través do Fondo Europeo de desenvolvemento rexional (FEDER), para renovar o sistema de alumeado público de Guitiriz, Parga e Os Vilares. “Dende o equipo de goberno presentamos este proxecto co principal obxectivo de reducir a contaminación lumínica e as emisións de dióxido de carbono no municipio, dentro da nosa aposta por facer de Guitiriz un referente de Concello verde en toda Galicia” destacou a rexedora.
Regina Polín explicou que o investimento total do proxecto, do que xa está feita a súa redacción, é de 360.000 euros, dos que o 20%, uns 72.000 euros os ten que achegar o Concello. “Imos a levar ao Pleno unha modificación de crédito para poder adxudicar ditos traballos e cumprir os prazos de execución que marca a Unión Europea para non perder dita subvención”.
A Alcaldesa de Guitiriz avanzou que serán un total de 640 novas luminarias de baixo consumo e 11 cadros de luz “os que imos renovar no casco urbano de Guitiriz, Parga e Os Vilares. En concreto, actuaremos nas Avenidas Poeta Díaz Castro e Ponte Veiga, nas rúas Deputación, do Carme, Vista Alegre, da Paz, así como na zona do colexio de Parga, nas Reixas e Ansede”. “Isto suporá un aforro anual de máis de 43.000 euros na factura da luz para todos os veciños, cos que poderemos investir en mellorar outras prestacións publicas municipais” apuntou Regina Polín.
O proxecto de renovación do sistema de iluminación de Guitiriz, Parga e Os Vilares forma parte do conxunto de iniciativas presentadas e levadas a cabo polo Concello dentro do seu compromiso por dinamizar o rural, a través da transición enerxética. Neste eido, a Alcaldesa iniciou o proxecto para rehabilitar 5 núcleos rurais das parroquias de O Buriz e Os Vilares. “Os Concellos temos un papel moi importante na transición enerxética. É fundamental que sexamos os gobernos os que lideremos estes procesos por iso dende Guitiriz estamos desenvolvendo un modelo urbanístico enfocado na sustentabilidade”