O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, acompañado pola Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín Rodríguez, o Concelleiro de Turismo, José Manuel Saa Devesa, e o panadeiro Juan Vázquez presentaron esta mañá nos xardíns de San Marcos a Festa da Torta de Millo da localidade, que terá lugar o vindeiro domingo, 23 de xullo e na que participan 5 establecementos locais. O organismo provincial colabora na organización deste evento gastronómico cunha achega de 6.000 euros.
Santos Ramos subliñou que “estamos moi satisfeitos de que o Concello retome este ano a súa tradicional festa, pois consideramos fundamental o apoio a este tipo de iniciativas coas que poñer en valor os nosos produtos e dinamizar a economía das nosas vilas. A torta de millo é unha das cousas polas que a xente coñece Guitiriz, polo que merece unha festividade e un recoñecemento propio”.
O Deputado tamén destacou o programa de actividades, e remarcou o concerto de Luar na Lubre, que se celebrará ás 21:30 horas, así como o observatorio astronómico que terá lugar o venres pola tarde no Campo da Feira.
Regina Polín avanzou que no programa “haberá un concurso de tortas de millo caseiras, unha demostración de postres elaborados a base de fariña de millo, xantar ao aire libre, xogos populares, talleres de artesanía e actuacións, como o concerto de Luar na Lubre, no que participarán alumnos da Escola de música de Guitiriz”.
A rexedora agradeceu a implicación da Deputación na celebración deste evento. “Despois dalgúns intentos conseguimos por fin realizar esta Festa que desexamos que teña continuidade. O que pretendemos por un lado é promocionar o noso produto estrela, e por outro atraer aos mozos para que asenten poboación e creen emprego no noso Concello”.