Anda a Xunta razoando co Goberno, ata agora pacíficamente, por unha diferenza de 200.000.000€, para Galicia importante cantidade, resto dunha débeda que se foi liquidando nos últimos tempos.
Eses millóns dos galegos corresponden ao impago por parte do Estado dun mes de ive, non liquidado no seu día, percibido pola Facenda estatal que logo se compensa ás autonomías, agás País Vasco, Navarra e as Canarias, con rexímes propios derivados das súas especificidades históricas ou xeográficas.
Esa débeda data de decembro de 2017, polo que hai autoridades socialistas que reprochan que non se teña reclamado no seu día ao daquela presidente Rajoy, pero tamén consta que autonomías rexidas por esa forza política están decididas a cobrar da forma que sexa.
O Presidente Feijóo acudirá a instancias xudiciais como xa teñen feito Cataluña e Madrid, pero no momento actual, con eleccións á vista, é imprescindible dispoñer agora desa cantidade e non pasado o longo tempo dun procedemento xudicial que cando se solventase a saber quen gobernaría nas administracións contendentes.
A preocupación radica en que esta cantidade desequilibrará as contas galegas e repercutirá na prestación de servizos básicos, pero tamén se teme que se estea elaborando un novo modelo de financiación autonómica, do que Galicia non sairía especialmente beneficiada diante de autonomías máis poderosas, influíntes, presentes nas entidades de decisión.
Temos que cobrar douscentos millóns, pero tamén nisto fan falta padriños que bauticen, que neste caso non parecen estar polo labor, e qiue as augas cheguen á pía bautismal.