Hai que votar, e xa está!

Eu sería un frívolo se hoxe non falara de eleccións, sería un irresponsable se pedise o voto para alguén determinado, e sería un inconsciente se non lles pedise que fosen a votar.
Como non quero ser frívolo, irresponsable nin inconsciente, falo das eleccións deste domingo, recordando que o voto é libre por moitas presións que un note, e afirmando rotundamente que hai que ir votar; todos.
Eu coñezo xente que afirma que nunca votou, amigos que opinan que votar non conduce a nada porque sempre gañan os mesmos –aínda que cambien os colares- , indecisos que aínda a estas alturas non saben por quen van votar, e fervorosos devotos partidarios de determinadas cores que apoian aos seus contra vento, marea ou tsunami de corrupción. Pero hai que ir votar, aínda que se teña perdida a inocencia innata que se pousou en nós cando a finais dos setenta puidemos votar por primeira vez.
Hai que ir votar aínda que algúns elementos que vaian na lista que elixamos non os coñezamos de nada, ou porque si os coñezamos demasiado entendamos que non son acredores a ese respaldo. Hai que votar aínda que o sistema que fomos colectivamente amañando ao longo destes cuatrienios nos produza ardores de estómago. Hai que ir votar aínda que as sensibles pituitarias acrediten que algo cheira a podre e non precisamente en Dinamarca. Hai que votar pola nai que nos pariu, polo pai que nos fixo, polos fillos que non teñen traballo, polos netos que ven un primeiro mundo case tan negro como o terceiro.
Mesmo hai que votar, como dixo Celso Emilio do idioma: porque nos gusta, queremos e nos da a gaña. Hai que votar para que isto non sexa –perdón polo concepto que pode parecer racista- unha “merenda de negros”. Hai que votar para que –perdón polo concepto politicamente incorrecto- “non nos enganen coma chinos”. Hai que votar porque “xa esta ben”. Hai que votar porque “isto non está ben”.

Hai que votar e xa está!. E o que non vote, logo, que non se queixe!.

Xulio Xiz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com