Homenaxe ao profesor Alonso Montero do IES Lucus Augusti

A dirección do IES Lucus Augusti lembra que até o próximo día 5 de abril estará aberto o prazo para confirmar asistencia na homenaxe, que este centro tributará en abril a Don Xesús Alonso Montero, que foi profesor deste centro entre os anos 1960 – 1976.

O programa dos actos a celebrar o venres 19 de abril 2024, inclúen ás 12,00h unha recepción no vestíbulo do instituto; ás 12.30h haberá un encontro no salón de actos e ás 14.30h o xantar de confraternización no restaurante Méndez Núñez. Os interesados en participar no almorzo, que pon punto e final ao programa de actos de homenaxe, deberán facer a reserva até o 5 de abril. As indicacións encóntranse na paxina web do instituto.

Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) foi docente en Lugo entre 1960 e 1975. Ourensán de nenez, universitario en Madrid e posterior profesor de Universidade en Vigo e Santiago, referiríase sempre á súa etapa lucense como central na súa vida académica e persoal. En Lugo viu medrar os seus tres fillos, que aquí foron á escola e cursaron ou iniciaron os seus estudos de Bacharelato. No instituto que hoxe leva o nome de Lucus Augusti, e mais na Escola Normal de Maxisterio, desenvolveu un labor docente dunha altura da que sempre deron fe os seus innumerables discípulos, entre os que non faltaron os cultivadores ―xa na creación, xa na profesión― das Letras, que entón recibiron na súa voz tantas clases verdadeiramente maxistrais de lingua e literatura españolas nas que don Xesús (así para sempre no recordo dos que sentaban nos pupitres) instruía o mesmo sobre a subordinación adverbial ca sobre a métrica do Mester de clerecía, nunca esquecendo as súas raíces histórico-culturais e familiarizando polo medio os seus novísimos alumnos coas cantigas de Martín Codax, coas inquedanzas de Rosalía ou algunha vez, cos factores que confluíron na rebelión irmandiña. Mestre subversivo, incansable conferenciante e colaborador de prensa para seguir, e, para rematar, malia que tantos outros “factores” que naqueles tempos tamén soían “confluír” en quen simplemente basease o seu ensino na liberdade de pensamento quixesen ―sen conseguilo― caracterizalo unilateralmente tan por baixo da súa dificilmente mensurable elevación intelectual e, sobre todo, humana.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com