Homenaxe en Montecubeiro ás vítimas do fascismo e a quen mantivo viva a memoria

O acto celebrouse a carón do monolito na memoria das persoas asasinadas polo fascismo nesa parroquia de Castroverde, coincidindo co vinte aniversario da instalación do monumento e contou coas intervencións do historiador e escritor Xosé Manuel Sarille, autor do libro “Polos fillos dos fillos” (Candeia Editora, 2003) sobre a matanza de Montecubeiro, e familiar de vítimas do franquismo e de Ricardo Gómez Polín, cronista de Castroverde e concluíu cunha actuación de Paloma Suances.

A homenaxe encádrase nos actos do Día da Galiza Mártir -17 de agosto, data na que foi asasinado Alexandre Bóveda, un dos membros máis destacados do Partido Galeguista e impulsor do plebiscito do Estatuto de Autonomía do 36.

Ante unha historia contada durante moitos anos polos vencedores temos a obriga de retirar todas as honras que se lle outorgaron aos asasinos e mostralos ao mundo como o que foron: defensores dunha ditadura fascista que ensanguentou a nosas cunetas e asasinou as persoas que quixeron acender un facho na noite escura”, dixo Efrén Castro, quen defendeu que “son as persoas que hoxe homenaxeamos as que deben estar presente nos nosos rueiros e as que deben ter estatuas e as honras máis elevadas das administración pública. Tamén fixo fincapé na necesidade de “situar aos verdugos no lugar histórico que lles corresponde, lonxe do relato da equidistancia que trata de impoñer a ultradereita na actualidade”.

Tamén interviu a deputada de Cultura Iria Castro, concelleira en Castroverde, quen puxo en valor a loita pola memoria das persoas que impulsaron a instalación do monolito de Montecubeiro en 2003, nomeadamente da familia Sarille, e das persoas e colectivos que nestes anos contribuíron a “termos presente a memoria das persoas asasinadas, para crear conciencia e facer xustiza”, lembrando o acto organizado en 2013 pola Iniciativa Galega pola Memoria ou en 2017, coincidindo cos 80 anos dos asasinatos en Montecubeiro, por A Chave das Noces. “

O historiador e escritor Xosé Manuel Sarille repasou na súa intervención a orixe da súa novela “Polos fillos dos fillos” sobre o acontecido en Montecubeiro en 1937, a partir do testemuño e dos datos recollidos por seu pai, Manuel Sarille, vítima da represión, quen traballou co “afán” de contar e facer público o que vivira desde finais dos anos oitenta, cando, explicou “a Memoria Histórica non cristalizara como movemento colectivo nin se non se convertera tampouco en demanda colectiva”.

Asemade, interviu no acto o cronista oficial de Castroverde Ricardo Gómez Polín quen reclamou “a exhumación inmediata dos dous soldados republicanos procedentes da Fronte de Asturias fusilados polos falanxistas na parroquia de Pena, aos que se lles impediu seren enterrados no cemiterio e cuxa fosa común foi obrigado a cavar o meu avó Antonio Polín, con presenza atemorizada da miña mai aínda moza”, e que figuran como “Dous descoñecidos” .

Así mesmo, fixo fincapé “na necesidade de incorporar o coñecemento rigoroso do acontecido aos planos educativos como premisa para unha sociedade libre, así como da asunción de responsabilidades de quen provocou unha guerra fratricida, con recoñecemento público á actitude solidaria da poboación que apoiou e asistiu aos represaliados con risco para as súas vidas”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com