O próximo sábado, 18 de novembro, en Vilalba, vai ser presentado o libro “MINI E MERO: labrando para sementar”, con motivo da homenaxe que se lles vai render no Paseo dos soños vilalbés, onde desde agora terán o Hectómetro Literario número XII.
Os actos darán comezo ás doce da mañá xunto ao Muiño do Rañego, para ir percorrendo o Paseo dos Soños ata o lugar onde se descubrirá o monolito -obra de Xosé Val Díaz, Valdi- que deixa constancia da homenaxe a Mini e Mero pola súa traxectoria musical e vital, ao cumprirse o medio século do comezo da súa dedicación á música e ao País.
A relación dos intervintes nesta homenaxe -que se efectuará de xeito itinerante con parada en cada un dos Hectómetros xa colocados- figura no cartel adxunto, tendo só que engadirlle o nome de Xabier Puente Docampo, que por un erro non vai incluído.
O libro MINI E MERO: LABRANDO PARA SEMENTAR, do que é autor Xulio Xiz, recolle a peripecia vital destes dous homes da música, da escrita e da galeguidade, que comezaron o seu andar musical hai cincuenta anos, de mans do crego e musicólogo Xesús Mato, que será precisamente quen inicie o acto da homenaxe. Faise nel un percorrido polo seu labor destes anos, con atención especial a súa especial intervención na creación e potenciación de Fuxan os Ventos, e logo no grupo A Quenlla, sempre en defensa do galego, da música e do país; con numerosos discos, publicacións de todo tipo, actuacións e actividades, conferencias, e participación en todo tipo de actos, con entrega absoluta ao labor de recolleita e divulgación da música popular deste país.
Neste libro, no que ten principal papel Xesús Mato, así como Alfedo Garrido, que foi o entón directivo da multinacional que editou os discos de Fuxan os ventos e agora editor dos discos de A Quenlla, participan un total de 51 amigos dos homenaxeados que aportan cada un deles a especial visión que teñen destes dous persoeiros da música que foron galardoados co Pedrón de Ouro, Galegos da solidariedade, Galicia Mártir, Mestres da Memoria, Promoción da Terra ou Facer País… e un sin fin de recoñecementos que culminan en Vilalba, na súa Terra Chá (Mini naceu en Baamonde e Mero en Vilalba; os dous en 1951), coa dedicación dun hectómetro literario, con este roteiro na súa honra, e con este libro para achegármonos á súa historia conxunta, musical e vital, por ser o momento axeitado para recontar feitos e aclarar cuestións que ata agora foron quedando esvaídas no decorrer do tempo.
O libro, de 192 páxinas, editado a toda cor, está publicado por Xermolos e a Irmandade Manuel María da Terra Chá, entidades impulsoras do Paseo dos soños en Vilalba, e da súa dedicación a creadores e persoeiros vencellados á Chaira, e poñerase en circulación con motivo deste acto de homenaxe a XOSE LUIS RIVAS CRUS-MINI e BALDOMERO IGLESIAS DOBARRIO-MERO.