O Concello de Lugo informa de que dende primeira hora da tarde deste martes quedaron pechados ao público os parques da Milagrosa e Rosalía de Castro, como medida de prevención para garantir a seguridade cidadá ante a alerta laranxa decretada pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior debido aos fortes ventos previstos para a xornada de hoxe e mañá. As rachas máximas de vento poderán superar os 90 quilómetros por hora. Está previsto que o peche dos parques se manteña ata a tarde noite deste mércores, aínda que poderá levantarse en función da evolución do fenómeno meteorolóxico adverso que afecta a toda a comunidade autónoma.