Esta mañá produciuse o pasamento do egrexio escritor galego, Xosé Neira Vilas, na súa casa de Gres. Neira Vilas estivo casado coa escritora cubana, falecida no ano 2009, Anisia Miranda, que coñecera na cidade arxentina a onde emigrara. Os dous desenvolveron unha importante actividade literaria tanto en Bos Aires, como no seu posterior traslado a Cuba, arredor da cultura galega. Logo da súa xubilación, Neira Vilas e a súa dona, regresaron a Galicia e instaláronse na aldea natal do escritor, Gres, no municipio de Vila de Cruces, onde puxeron en marcha a fundación que leva o nome do autor do libro “Memorias dun neno labrego”, o libro máis vendido da literatura galega.
Neira Vilas, que tamén foi xornalista e editor, nacera en Vila de Cruces en 1928 e con “Memorias dun neno labrego”, publicado por primeira vez en Bos Aires en 1961 na editorial Follas Novas, da que el era director, converteuse no autor galego máis traducido.
Xosé Neira Vilas será soterrado mañá 28 de novembro na parroquia de Santiago de Gres ás 17:30 horas.
En paz estea o escritor cruceño.
Foto: Fundación Xosé Neira Vilas