A Xunta de Galicia pecha hoxe, venres día 29, o prazo de inscrición para o curso 2020/21 nas escolas infantís públicas autonómicas e nas prazas públicas concertadas en escolas infantís de iniciativa privada.
Coa apertura do prazo de matrículas, a Xunta procura diminuír a inquedanza das familias sobre o vindeiro curso nas escolas de 0 a 3 anos, á espera de que o Goberno central fixe uns criterios claros sobre os prazos e condicións para a reapertura destes centros.
A presentación das solicitudes debe realizarse preferentemente de maneira telemática a través dos formularios dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia. Con esta medida, trátase de evitar que as familias se teñan que desprazar nesta situación de emerxencia sanitaria.
Novidades
O que está por comezar, será o vindeiro curso completo no que se aplique a gratuidade para segundos fillos e sucesivos na atención educativa. Asemade as prazas públicas da rede autonómica e as contratadas en escolas privadas compleméntanse coas prazas que a Xunta financia en escolas de iniciativa social e a través do Bono Concilia, así como coas que dependen dos concellos.