O candidato de Compromiso por Galicia á alcaldía de Lugo, Manuel Hurtado, pasou polo plató de XornaldeLugoTV para manter unha nova conversa e explicar que foi o que o levou a presentarse como candidato nestas eleccións. Hurtado asegurou que o fixo porque “non estou nada satisfeito con todos estes anos de goberno socialista, é un goberno que empezou ben, moi forte, con López Orozco, con grandes transformacións pero que empezaron a parar ata chegar a Lara Méndez”.
Entre as propostas máis reseñables da formación, o candidato asegurou que conta cun gran equipo que preparou un “potente” programa electoral en material cultural. “Estamos a ver como en todos os ámbitos, os nosos mozos se queren desenvolverse teñen que emigrar, e eso é o que queremos revertir”, asegurou Hurtado quen resaltou tamén a aposta pola Muralla “como emblema de Lugo”.
En resumo, CxG busca construir unha cidade “amable, segura, aberta e ecorespetuosa” e, a pesar de que están máis preto do socialismo que doutras ideoloxías, “non podemos pechar o seu apoio a ningunha boa medida”.
“O que vemos nestes últimos catro anos de goberno é, por unha banda, un goberno socialista que amosou a súa incapacidade de xestión dunha cidade como Lugo pero tamén vemos unha oposición moi destrutiva e nada construtiva, nomeadamente Lugonovo e BNG que, deberan ser os socios de goberno do PSOE e non conseguiron chegar a acordos para esta cidade e, polo outro lado, o PP e Cs, cunha oposición totalmente destrutiva”, asegurou.
Para ver a entrevista de Manuel Hurtado ao completo e saber máis das medidas de Compromiso por Galicia de cara á entrada ao goberno local, pode facelo na nosa canle de Youtube.