O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, sinalou hoxe en Vilalba, na apertura dun curso orientado a mellorar o desenvolvemento de tarefas no monte organizado pola Asociación de Empresas da Madeira de Lugo, a importancia da formación para impulsar a competitividade da industria forestal galega.
Esta iniciativa enmárcase na Estratexia de formación da industria forestal, a través da cal a Xunta aposta por formar profesionais cualificados, desenvolver competencias relacionadas coas novas tecnoloxías e a innovación e promover a transferencia de coñecemento á industria.
Ademais de apoiar as iniciativas de formación, a Consellería de Economía, Emprego e Industria activará nas próximas semanas apoios específicos para impulsar a innovación e a modernización tecnolóxica na industria forestal que suman 12,4 millóns de euros. Así, a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) poñerá en marcha unha orde de axudas dotada con 10,4 millóns de euros para realizar investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais.
Activarase así mesmo un programa por 2 millóns destinado ás empresas da segunda transformación da madeira e o sector contract, co que se apoiarán os investimentos dirixidos á valorización, potenciación, innovación e mellora neste eido.