Ignacio Nuevo

Hai días ocorriu un accidente de tráfico nos Lagos de Covadonga, ao cruzarse dous vehículos, e un autobús caer por un precipicio resultando varios feridos graves. Este accidente fíxome lembrar a Ignacio Nuevo, revisor do coche dos Hermanos Veiga que facía o traxecto entre Viveiro e Lugo, do que eu era usuario ocasional indo ou vindo no verán entre Vilalba e Ambosores.

Ignacio Nuevo era pequeno, fibroso, serio pero sorrinte, garimoso cos nenos, querido por todos. Moito tempo despois souben que fora Tenente Coronel do exército republicano e, despois da guerra, viñera deportado a Viveiro, onde enraizou de tal xeito que o seu fillo – Carlos Nuevo Cal – é cronista oficial da cidade, perfecto coñecedor dos “que” e dos “por que” do pasado e do presente viveirense.

A razón de lembrarme de Ignacio, a raíz do accidente na alta Asturias, é a miña experiencia de viaxeiro pola Ganidoira, na que cando o bus se cruzaba con outro, Ignacio baixaba do coche, e á beira dos precipicios da montaña, moito máis terribles que agora, iba orientando ao conductor, centímetro a centimetro, como podìa avanzar ou retroceder, parar ou arrimarse, mentras os pasaxeiros tiñamos o corazón nun puño polo revisor e por nós, abríndosenos o ceo cando o perigo pasaba e daba a orde de “avante toda”.

Nos comezos de agosto vou sempre a Viveiro á Mostra internacional de Bágoas da Terra, senlleira manifestación cultural da cidade do Landro, e pregunteille ao fillo polo nome do pai porque os nomes báilanseme pero os feitos están sempre aí.

Ignacio Nuevo ten salvado moitas vidas, arriscando a propia. Tantos anos despois, aquel permanente sorriso servicial, téñoo gardado no corazón.

Fotografía: Ignacio Nuevo e a súa dona Conchi Cal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com