Foi Calderón quen considerou que a vida era “un frenesí, unha ilusión…”, aínda que lle asignase esa convicción a Sexismundo, na súa prisión, aillado do mundo, laiándose do paraíso perdido. Pois nesas estivemos –frenesí ou ilusión- neste tempo de Nadal que vimos de rematar, onde todo parecía imposible de que dure máis ca un encantamento efímero que rematou o pasado mércores. E xa non hai queixa.
En tempos, o Nadal foi só unha ilusión; que era abondo para alumear existencias. Pero logo chegou o frenesí, impulsado polas grandes superficies comerciais, aceptado con avidez polos aprendices de consumidores que eramos, e confundimos todo, aplicando o frenesí da ilusión e a ilusión do frenesí para conseguir un todo que nos envolve, conduce e desasosega.
E así vivimos durante un tempo, e -agora coas rebaixas- así aínda estamos, porque a prolongación desta efervescencia comercial e consumista impediu que a anual Visita Real nos devolvese ao mundo –chamémoslle real- controlado, habitual, que –dentro do que cabe- imos controlando relativamente.
Xa non se fala da “Costa de Xaneiro” que antes tanto nos preocupaba. Xa non se fala porque, acostumados ás dificultades, cada mes ten a súa “costa”, e xa nos convertimos en auténticos escaladores afeitos a todo o que a economía nos marque. Tempos aqueles nos que coidabamos que a economía era tan só unha ciencia para entender o que colectivamente estábamos a
facer, e a Lei da Oferta e a Demanda era norma de obrigado cumprimento.
Xa sabemos que agora as leis comunitarias obrigan máis ca as nosas, que o supremo ben europeo pode con calquera apetencia nacional, pero se xa considera que se pode -e se debe- cambiar a Constitución, tamén algunha cousa destas pode cambiar. A ver se este ano é posible cambiar algo. Polo menos, quedémonos coa ilusión, agora que o frenesí xa rematou. Ou está rematando.