‘Imaxes e Palabras’ inicia a programación do Nadal en Begonte

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación da XLVIII edición de O Nadal en Begonte, ao tempo que inauguraba a primeira das actividades incluídas na programación, a exposición Imaxes e Palabras, que recolle achegas de máis de medio cento de artistas sobre o evento.

O principal atractivo, o famoso Belén electrónico -declarado de Interese Turístico Galego-, permanecerá aberto entre o próximo 5 de decembro e o 25 de xaneiro de 2020. Cada ano recibe entre 30.000 e 40.000 visitas.

Na presentación participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; Xesús Domínguez Guizán e Xulio Xiz, presidente e vicepresidente respectivamente da entidade organizadora, o Centro Cultural Xosé Domínguez Guizán; e o tenente alcalde de Begonte, Luís Luaña, entre outros.

A principal novidade da presente edición radica na reforma das instalacións. A Consellería de Cultura e Turismo financiou con 30.000 euros as obras que recentemente acometeu o concello para mellorar a seguridade, comodidade e accesibilidade do Belén. Tamén no Nacemento incorporáronse e renováronse algunhas figuras que, como sempre, fan referencia aos traballos agrarios tradicionais nunha aldea da Chaira (a malla, o pastoreo…).

Así mesmo, o Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán ten nesta ocasión como temática expresa a loita contra a violencia sexual. Como vén sendo habitual, convócanse tamén o Certame Xornalístico Begonte e o Nadal, o Certame de Debuxo Infantil sobre o Nadal, e o Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal

Os actos de inauguración do Belén comezarán na Igrexa Parroquial de Begonte ás 18.00 horas e o pregoeiro será o cóengo Félix Villares Mouteira, chanceler do Bispado de Mondoñedo-Ferrol, arquiveiro da diocese e do Seminario, e responsable bispal de Patrimonio.

A programación do Nadal begontino inclúe a exposición Imaxes e Palabras, que recolle anacos de poemas de 40 autores que corresponden a traballos premiados nalgún dos 43 certames de Poesía sobre o Nadal convocados polo Centro Cultural José Domínguez Guizán. Entre os poetas figuran Xosé Otero Canto, Marica Campo, Carlos López e Martiño Maseda, presentes hoxe na inauguración.

As fotografías amosan distintas escenas do Belén e pertencen aos membros do Grupo Fonmiñá Miguel Calvo, Miguel Fraga, Fernando Gago, José Manuel Guisasola, Gerardo Méndez e Eduardo Ochoa.

A mostra permanecerá na sede da Xunta en Lugo ata o martes día 10 de decembro para viaxar despois ata Mondoñedo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com