“In memoriam” de Pepe Seijo

Mi querido amigo!, esa era a contestación que indefectiblemente contestabamos un ou outro cando nos chamabamos por teléfono. Esa frase, con toda a retranca do mundo, por vir de quen viña e quen a puxo en uso, era o noso saúdo.

Máis ou menos cada quince días, aínda que nos víramos en persoa nese tempo, faciámonos unha chamada, as máis das veces pasadas as 11 da noite dos venres ou sábados e, como canta Sabina, podían darnos as dúas e as tres e… e nós dándolle  á trécola.

Esas conversas eran unha especie de “informe quincenal” do acontecido nesas dúas semanas. Nese “programa off the record” faciamos unha análise da política local, provincial, a de Santiago e mesmo a estatal (tamén do persoal) e era nese tempo de conversa cando, de verdade, se manifestaba a sapiencia e os coñecementos que atesouraba.

Ninguén sabía máis da información política e social deste mundo chamado Lugo. Coñecía polo miúdo os trasuntos de calquera cuestión, coñecía as razóns e os porqués das actuacións duns e outros.

Toda esa bagaxe e experiencia foinos roubada para sempre, á mañanciña, cando o albor de agosto invita á vivir, a pasear, ou tomar un café cos amigos na rúa como a el lle gustaba logo de informarnos cada día, pero A Parca, nin dorme nin descansa.

Fóisenos Pepe, a pescudar ao  alén, teño por seguro que aló onde estea seguirá na procura da noticia, pois un xornalista de raza como el non abandona nunca, como nolo deixa ben demostrado.

Pepe déixanos orfos dos seus coñecementos e do seu análise sempre claro e preciso, mais, sendo consciente de dita perda, nada que ver coa magnitude da perda da persoa, dese home co que podías contar para o que fora, sempre co seu sorriso e a súa retranca. Nacer, nacera en Bilbo, como el gustaba denominar á capital biscaíña, pero as súas raíces afundíanse no Friol dos seus devanceiros.

Falamos por última vez o mércores pasado no acto civil polo pasamento doutro amigo ao que tamén fomos render a nosa admiración. Ao despedirse díxome por enésima vez, temos que facer a entrevista do novo disco de Brath, contesteille: chámote despois da ponte e quedamos.

Xa non vai poder ser, meu querido amigo!

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com