O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xunto ao Alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, inaugurou este mércores o “Residencial O Castro”, a primeira residencia e centro de día públicos cos que conta este municipio, na que investiu a Deputación Provincial en dotación de equipamento 1,4 millóns de euros.
Ducias de veciños visitaron hoxe estas instalacións públicas, nunha xornada de portas abertas que arrancou a primeira hora da mañá. Gómez Besteiro salientou que agora poñense en marcha os procesos de contratación e avaliación de solicitudes polo que no mes de setembro o centro estará en funcionamento.
O Presidente apuntou que o organismo provincial reclamará de novo á Xunta prazas públicas. O Alcalde agradeceu a Besteiro a súa implicación con Castroverde e remarcou outros importantes investimentos da Deputación no Concello, como o polígono ou as piscinas.
O “Residencial O Castro” sitúase no centro da vila de Castroverde, concretamente, entre as rúas Santiago e Alcalde Xesta. Conta cunha superficie útil de 1.800 metros cadrados, tendo en conta as zonas exteriores. O edificio divídese en dúas prantas, de 773 metros cadrados cada unha. Na baixa, sitúanse os servizos de enfermería, primeiros auxilios, cociña, lavandería, recepción, ademais dos espazos comúns, como o comedor ou as salas de lectura e televisión. Na pranta alta, hai 24 habitacións individuais con baño, que poderían ser dobres, segundo as necesidades, para dar capacidade a 48 persoas.
Segundo as directrices da Lei de Servizos Sociais de Galicia, é obrigatorio contar cun mínimo de coidadores por número de prazas, así como de 1 médico e 1 ATS que presten atención ás 24 horas do día. Tendo en conta as características do centro de Castroverde, a Deputación dará traballo arredor de 8 sanitarios, ademais de persoal auxiliar como administrativos, cociñeiros ou limpeza, entre outros.