Inauguración da ampliación do museo xeolóxico de Quiroga

Onte inaugurouse a ampliación do Museo Xeolóxico de Quiroga, unha dotación cultural situada no territorio da Serra  do Courel que está dedicada a divulgar, estudar e protexer os valores xeolóxicos da comarca de Quiroga e que vén de ser ampliada grazas a unha achega feita por parte do Goberno Galego.

Durante o acto de presentación das novas instalacións, no que tamén participaron o Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, e o director do Museo, Ramón Vila, o titular de Cultura e Turismo en funcións salientou a importancia deste centro para reactivar o turismo e a cultura no Courel e gabou o traballo que fai o persoal do museo para divulgar, estudar e protexer o legado xeolóxico desta comarca. “As terras do Courel son un espazo único en Galicia desde o punto de vista xeográfico, paisaxístico e botánico e este Museo Xeolóxico de Quiroga fai un traballo excepcional conservando este legado e divulgando a historia paleontolóxica da nosa terra”, e engadiu que a reapertura desta dotación cultural supón o aproveitamento dos nosos recursos naturais para crear un destino único e diferenciado cunha oferta de calidade, un obxectivo no que xa traballaba a Xunta de Galicia e que agora, no marco da pandemia da covid-19, cobra especial importancia. “Somos conscientes de que son tempos complicados, pero a crise non debe impedirnos seguir traballando para reforzar a imaxe da nosa Comunidade como un destino seguro e de confianza cunha oferta variada, rica e con recursos como os que os viaxeiros, galegos e peregrinos poden atopar nestas terras do Courel”

7.000 visitas anuais

O Museo Xeolóxico de Quiroga, que cada ano recibe 7.000 visitas, inaugurouse no ano 2011 e está situado no territorio Montañas do Courel, o primeiro xeoparque de Galicia protexido pola Unesco. Román Rodríguez sinalou que esta declaración, sumada á candidatura da Ribeira Sacra a ser declarada Patrimonio da Humanidade, permitirá impulsar a zona, así como a reactivar a peregrinación polo Camiño do Inverno, un trazado que nos últimos anos experimentou un importante crecemento e que amosa un patrimonio natural e etnográfico de excepción.

O centro está dividido en cinco salas expositivas que agora, grazas ás obras de ampliación, contan con maior espazo permitindo que se exhiba unha ampla escolma de pezas que ata agora, por falla de espazo, non podían ser mostradas. Ademais, as actuacións levadas a cabo tamén permitiron duplicar a superficie do museo creando unha nova sala de proxeccións audiovisuais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com