Inauguración da Caravana Cultural das Mulleres Rurais en Navia de Suarna

Hoxe en Navia de Suarna tivo lugar a inauguración da Caravana Cultural das Mulleres Rurais, organizada pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) co gallo de tecer unha rede entre todas estas mulleres a nivel estatal que faga aflorar o seu coñecemento, oficios e cultura tradicional.  Ao acto asistiron a secretaria xeral da Igualdade Sandra Vázquez, o alcalde da vila José Fernández e outras autoridades. Na presentación a secretaria xeral, gabou que “a iniciativa busque visibilizar e poñer en valor o papel das mulleres no rural de Galicia porque -dixo- “son as verdadeiras protagonistas, os alicerces do noso sustento”.

Nese senso, Sandra Vázquez referiuse á relevancia das mulleres rurais na nosa economía, “moitas veces non recoñecida”, malia que o seu traballo “era e é sacar adiante a economía familiar”. Nese contexto, considerounas claves ademais na dinamización do territorio.

Como mostra do compromiso con estas mulleres, a secretaria xeral lembrou os convenios recentemente asinados con Fademur, seguindo a senda de apoio dos últimos anos. Así, nomeou o acordo destinado a desenvolver accións de sensibilización fronte á violencia de xénero e de apoio ás vítimas.

Ademais, a Xunta colabora por segundo ano consecutivo coa federación de asociacións de mulleres rurais de Galicia para impulsar a acreditación profesional da experiencia laboral dunhas mil mulleres no coidado de menores de ata 16 anos. Implementaranse ademais plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade, con especial atención ás mulleres maiores de 45 anos do rural e que se teñan dedicado ao coidado de menores.

A Caravana Cultural das Mulleres Rurais, iniciativa que se levará a cabo a nivel estatal e que despregará esta fin de semana un amplo programa de actividades que pretenden xerar debate, crear diálogo e visibilizar e poñer en valor a cultura rural, así como o papel primordial das mulleres neste ámbito.

Entre hoxe e mañá o concello naviego acollerá feiras de emprendedoras, talleres de cine ou de musicoterapia. Tamén obradoiros orientados á recuperación e transmisión de saberes tradicionais vinculados ao fiado do liño e da la, ao traballo con coiro ou ao tecido. A Caravana contará así mesmo con actuacións musicais e concluirá -mañá á tarde- cun graffiti final do proxecto “A cultura é igualdade”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com