A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo e a delegada da Xunta, Raquel Arias, participaron este martes na inauguración do Curso de Xestión de Infraestruturas municipais de saneamento e depuración, que tivo lugar na sede da Xunta de Galicia en Lugo. A xornada, que funcionará como punto de encontro entre de alcaldes, concelleiros e técnicos relacionados co ciclo da auga, servirá para pór en común as dúbidas existentes sobre este ámbito e sentar as bases para conseguir, por unha banda unha prestación de servizos de calidade e por outra, un desenvolvemento municipal equitativo entre as diferentes rexións.
López Izquierdo puxo de manifesto que “a Deputación destinará, dentro da liña de colaboración constante cos Concellos da provincia, case 1,6 millóns de euros do Orzamento de 2016 ao estudo de fórmulas de colaboración na recollida e na xestión de residuos municipal, que sexan máis económicas e ecolóxicas; así como a posta en marcha de novas actuacións coas que reducir gastos enerxéticos aos Concellos”. A Deputada destacou que “a grande dispersión do territorio e da poboación que existe en Lugo e Galicia, obriga a facer un maior esforzo para estender os servizos. Dita dispersión, xunto co carácter heteroxéneo dos modelos de xestión, fai necesaria unha aposta polos modelos de xestión supramunicipal, que poderán ser coordinados, tal e como recolle a lexislación, polas Deputacións”.
Por outra banda, Raque Arias declarou que o curso “ten por obxectivo sentar unhas bases de aplicación común que fagan posible unha homoxeneidade no tratamento e na ordenación dos servizos do ciclo da auga en todos os Concellos de Galicia, para garantir unha maior calidade, o mesmo tempo que podamos cumprir coa normativa europea. Por tanto o que se pretende é formar aos técnicos para que podan levar a cabo esas medidas que nos garantan esa calidade”.